Os datos do paro rexistrado fan prever que 2017 volverá ser un ano perdido para o emprego en Galicia

Un mes máis, os datos na comunidade autónoma son peores ca na media estatal
Publicado por o día 03/11/2017 na sección de CC.OO,Emprego,Sindicatos

Os datos do paro rexistrado fan prever que 2017 volverá ser un ano perdido para o emprego en Galicia

No mes de outubro subiu o paro rexistrado por segundo mes consecutivo. Ante esta situación, Comisións Obreiras (CCOO) considera que 2017 volverá ser un «ano perdido» para o emprego en Galicia. Ademais, os datos na comunidade autónoma son peores ca na media estatal, o que «debería empurrar o presidente da Xunta á reflexión», apunta Maica Bouza, secretaria de Emprego de CCOO.

Para a sindicalista, se a Xunta segue a primar o cumprimento dos obxectivos sobre a loita por mellorar as condicións de vida da cidadanía, «seguirémolo pagando cunha situación peor que a media española, como amosan os principais indicadores».

Os datos do paro rexistrado do mes de outubro, igual que a recente enquisa de poboación activa (EPA), revelan que a alta temporalidade —nove de cada dez contratos rexistrados foron eventuais—, a caída da afiliación á seguridade social —en España subiu— e unha protección por desemprego baixo mínimos —a metade das persoas desempregadas non ten cobertura ningunha— son os trazos definitorios do mercado laboral galego.

En opinión de Bouza, «con estes vimbios dificilmente chegará a recuperación económica ás persoas e ás súas familias», lamenta a sindicalista, ao tempo que pide aproveitar os orzamentos autonómicos, de inminente aprobación, «para dar a volta á situación».

Sobe o paro rexistrado

No mes de outubro subiu o paro rexistrado por segundo mes consecutivo: 1846 persoas paradas máis ca no mes de setembro, o que equivale a un incremento do 1,00 %. Na comparación anual, hai 13 037 persoas paradas menos rexistradas nas oficinas do Servizo Público de Emprego (SEPE) na nosa comunidade (−6,55 % fronte ao −10,42 % dun ano antes).

Daquela, segundo os datos das oficinas do SEPE, ao finalizar o mes de outubro había 185 903 persoas paradas (79 574 homes e 106 329 mulleres); dese total, 9664 son menores de 25 anos.

A suba mensual do paro é maior nos homes (1231 máis) ca nas mulleres (615 máis) e, por grandes grupos de idade, hai 469 menores de 25 anos máis en paro (+5,10 %) e 1377 máis maiores desa idade (+0,79 %). Na comparación anual segue baixando máis o paro entre os homes (8696 parados menos ca en outubro de 2016 e 4341 paradas menos) pero persiste a maior presenza das mulleres no paro (son o 57 % das persoas paradas).

Na comparación mensual, o paro rexistrado sobe en todos os sectores de actividade agás na construción (355 persoas paradas menos) e no colectivo sen emprego anterior (61 menos). En proporción, a suba máis acusada dáse na agricultura (261 persoas paradas máis, +4,05 %) e nos servizos (1768 máis, +1,44 %); na industria hai 233 persoas paradas máis (a suba é do 1,10 %). Na comparación anual segue sendo a construción o sector en que máis descende .

Persiste a alta temporalidade

Un trazo definitorio da contratación é a elevada temporalidade. O 91,61 % dos contratos rexistrados en outubro foron temporais. En cifras absolutas, rexistráronse 94 870 contratos e, deles, 86 913 foron temporais.

Baixa a afiliación á seguridade social

A afiliación á seguridade social evoluciona peor en Galicia ca na media estatal, tanto en termos mensuais coma anuais: baixou en Galicia no mes de outubro, mentres que na media estatal subiu un 0,51 % (94 368 afiliacións máis). En Galicia perdéronse 2356 afiliacións (−0,24 %) ata quedar a cifra de ocupación en 989 904 persoas. Segundo o réxime, hai 1932 persoas afiliadas menos no réxime xeral (−0,26 %), 516 menos no de autónomos (−0,24 %), mentres que no do mar hai 93 afiliacións máis (+0,43 %).

Polo tanto, no mes de outubro destruíuse máis emprego (2356 afiliacións menos) do que subiu o paro rexistrado (1846 persoas paradas máis).

En termos anuais, segue creándose menos emprego en Galicia ca na media estatal (+1,89 % e +3,46 %, respectivamente). Ademais, estase freando a creación de emprego : a afiliación media á seguridade social en Galicia medraba a unha taxa anual do 1,89 % no mes de outubro do ano en curso fronte ao 2,14 % un ano antes.

A protección por desemprego segue en mínimos

A metade das persoas paradas con experiencia laboral carece de prestación por desemprego e o 45 % das que si a perciben están a cobrar un subsidio por desemprego.

Así pois, segundo se deduce dos datos do SEPE, a taxa de cobertura (cociente entre o número de persoas beneficiarias de prestacións por desemprego e o número de persoas paradas rexistradas con experiencia laboral) en setembro de 2017 era do 50,09 % (hai un ano era do 51,06 %).

No mes de setembro de 2017, as prestacións contributivas, as de máis calidade, só representaban o 41,31 % do total, mentres que no caso dos subsidios por desemprego a porcentaxe sobe ata o 44,93 %. Así pois, en setembro de 2017 había 83 972 persoas cobrando unha prestación por desemprego: 37 732 percibían un subsidio por desemprego, 34 687 contributivas, 9800 a renda activa de inserción e 1753 correspondían ao programa de activación de emprego.

Daquela, no mes de setembro de 2017 había 83 679 persoas paradas con experiencia laboral que carecían de prestacións por desemprego. Continúa caendo o gasto en prestacións por desemprego (un 6,0 % en relación co mes setembro de 2016) ao tempo que a taxa de cobertura segue en mínimos.