Os empresarios galegos en Madrid, moi interesados no modelo Pontevedra

Mantivo un xantar coa Asociación de empresarios galegos en Madrid, que quixeron coñecer os pormenores do éxito mundial do modelo, nunha comida que se prolongou durante tres horas
Por o 21/06/2017 | Sección: Galicia,Pontevedra
Os empresarios galegos en Madrid, moi interesados no modelo Pontevedra
Compartir en:

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores mantivo esta tarde un xantar coa Asociación de empresarios galegos en Madrid (Aegama) que quería coñecer o éxito do modelo da cidade, os seus fundamentos e o posicionamento da Alcaldía ao respecto de problemas ambientais na ría como as empresas Ence e Elnosa.

Ao encontro asistiron galegos ou fillos/as de galegos residentes en Madrid con posto de responsabilidade en diversas empresas como o responsable de negocios e pymes do Banco Santander, da Banca Popular, APE Galicia, Grupo Femxa, Abaco Construcción, Fundación SVSC, Fama Systems, Novus Innovación Digital, Rosado Abogados, Auren,
CPV global, Soundub, FCC. Tamén asistiu o presidente de Aegama, Julio Lage ou o presidente da ONCE, Miguel Carballeda.

Logo dunha exposición do modelo de cidade e de reivindicar a política con maiúsculas como factor básico para a transformación das cousas, o alcade someteuse a unha rolda de preguntas dos asistentes arrancando por “por que é nacionalista?”. “Por amor. E teño claro que este modelo de cidade só o podemos impulsar nós, porque temos un amor real á nosa cidade e ao noso país, e polo tanto temos confianza no futuro, na súa xente, e queremos que sexa un país para traballar nel, no que podemos vivir todos: os que vivimos nel, os que están fóra, e os que queiran vir a colaborar”, aclarou. De feito, instou aos empresarios a regresar a Galiza, a volver a facer negocios na súa terra.

Tamén lle preguntaron polo futuro turístico de Pontevedra que o alcalde centrou no turismo familiar, de grandes eventos deportivos, apoiado nos eventos culturais e festivos que acolle a cidade durante o período estival…
Saíu na conversa a situación da Celulosas no Concello que Lores resumiu que “Pontevedra é unha cidade emerxente, con futuro e que temos que posicionarnos porque neste momento as cidades estanse posicionando.

Pero nos poñen un tapón aí, e temos o dereito de recuperar a ría de Pontevedra”. Na tertulia tomou a palabra o presidente da Once, Miguel Carballeda que deixou claro que “Pontevedra ten que buscar -entre todos- unha alternativa a Celulosas porque estase cargando a ría”. Dudou de que se tope unha xestión municipal “comparada ao do Concello de Pontevedra”, e concluíu dicindo que “eu estou moi orgulloso da miña cidade”.

Pechou a sesión o presidente de Aegama, Julio Lage quen destacou que na súa conversa “o alcalde dixo moitas verdades” e amosouse esperanzado que outras cidades sigan os pasos de Pontevedra “xa que tes convertido un lugar como outro calquera, nun espazo mellor e nunha cidade máis humana”.