Os empresarios de Mos fan realidade o desexo dun neno

A campaña Mos Axuda no Nadal presentouse esta mañá na sede de AEMOS. Os interesados en colaborar poden comprarlle a un dos 65 cativos beneficiarios desta iniciativa un dos agasallos que pediron para Reis a través da web do Concello
Publicado por o día 22/12/2017 na sección de Galicia,Mos

Os empresarios de Mos fan realidade o desexo dun neno

Hoxe presentouse a campaña municipal solidaria, Mos Axuda no Nadal, na Sede de AEMOS (Asociación de Empresarios de Mos) na que estiveron presentes Nidia Arévalo, alcaldesa de Mos, Sara Cebreiro, concelleira de Política Social, Manuel Castro Álvarez, presidente de AEMOS, demais membros da directiva de AEMOS, representantes das empresas colaboradoras na campaña de recollida de alimentos e xoguetes, voluntarios/as de Mos Axuda e demais membros do equipo de goberno local.

Mos Axuda no Nadal é unha iniciativa solidaria promovida polo Concello de Mos en colaboración coa Asociación de Empresarios de Mos, entre o seu tecido empresarial asociado, para que ningún desexo dun neno este Nadal quede sen facerse realidade.

Os interesados en colaborar con esta campaña poden mercar o seu agasallo para un neno/a mosense a través da páxina web municipal no link https://www.mos.es/mosaxuda-no-nadal/

Os agasallos que se poden comprar na web son xoguetes, obxectos, materiais ou prendas que previamente os/as nenos/as beneficiarios/as pediron nas súas respectivas cartas aos Reis Magos. Deste xeito ningún cativo de Mos quedará sen cumprir o seu desexo neste Nadal.

Os pequenos/as que cumprirán o seu soño navideño grazas a este programa son un total de 65, e tamén son 65 os agasallos que integran a listaxe entre a que poden elixir os empresarios para mercar na páxina web do Concello de Mos.

A rexedora local mosense declarou que “esta iniciativa naceu perseguindo a finalidade de prestar axuda e protección aos máis necesitados, coa colaboración do empresariado, para poder levar a cabo este proxecto solidario e que todos os nenos/as de Mos fagan realidade o seu desexo nestas festas”.

Mos Axuda no Nadal inclúe tamén a xa tradicional campaña de recollida de alimentos nos centros educativos mosenses, asociacións do Concello, no Belén Solidario do Pazo de Mos (para ser visitado débese doar, como prezo de entrada, algún alimento destinado á campaña) e o pasado 16 de decembro nos supermercados do municipio. Tamén colaboraron na doazón de alimentos 20 empresas mosenses, número que se incrementou moitísimo respecto do ano pasado, cando as empresas colaboradoras foron un total de 7.

Na presente edición a campaña de recollida de alimentos alcalzou os 6.000 quilos, 1.000 quilos máis que o pasado Nadal. Un total de 6 toneladas de felicidade para que as familias beneficiarias poidan celebrar o Nadal como merecen. En total son 80 familias usuarias dos Servizos Sociais municipais, que en número total de persoas superan as 300.

Rexedora local e edil de Política Social aproveitaron a ocasión para agradecer a gran colaboración cidadá dos veciños e veciñas de Mos neste proxecto.