Os equipos de baloncesto do campus, líderes de grupo

A selección española sub-20 de rugby perdeu fronte a Portugal nas instalacións universitarias
Publicado por o día 26/02/2018 na sección de Baloncesto,Deportes,Universidade de Vigo

Os equipos de baloncesto do campus, líderes de grupo

Foron moitas as citas deportivas enfrontadas esta fin de semana polos equipos do campus de Ourense ou nas instalacións deportivas universitarias. Entre os resultados destacan as vitorias acadadas tanto pola categoría feminina como pola masculina de baloncesto, que se sitúan líderes das súas respectivas competicións. Ademais, a selección española sub-20 de rugby perdeu o partido amigable disputado no campus fronte a Portugal.

Bos resultados en baloncesto

Na primeira división autonómica, o Universitario Campus de Ourense de baloncesto feminino gañou por 41-50 ao Syngenta Seis do Nadal na súa visita a Vigo. Con este resultado as xogadoras sitúanse primeiras na táboa, con 13 vitorias e unha derrota. Pola súa banda, a categoría masculina do club gañou a Muebles Victoria Barco por 66-80 no seu desprazamento ao Barco de Valdeorras. Este marcador tamén sitúan aos ourensáns líderes na táboa, con 12 vitorias e unha derrota.

Derrotas en rugby

A xornada 19 do grupo A da división de honra B do rugby estatal enfrontou no campus de Vigo aos dous representantes da Universidade de Vigo nesta categoría. O partido saldouse cunha vitoria para o Kaleido, que gañou por 34-19 ao Campus Universitario Ourense Coosur, que sumou unha nova derrota fóra da casa. Con este resultado os ourensáns baixan á oitava posición e os vigueses sitúanse últimos da táboa.

Tamén en rugby, destaca o encontro amigable disputado o domingo nas instalacións deportivas do campus entre as seleccións de rugby sub-20 masculina de España e Portugal. O encontro celebrouse no marco da preparación do Campionato de Europa desta categoría, enfrontando aos españois contra os vixentes campións europeos. O marcador final foi de 17-22, cunha derrota para a selección española.

Vitoria das xogadoras de fútbol gaélico

Xa en fútbol gaélico, a categoría feminina do Auriense acadou unha vitoria no seu desprazamento a a Vigo. “As xogadoras ourensás demostraron o seu bo estado de forma e gañaron con solvencia o seu encontro contra o derradeiro clasificado, o Keltoi, por 15-31. Pese ás numerosas baixas, que fixeron que disputase o partido sen posibilidade de trocos, a experiencia e o tiro a paus permitiron traerse un resultado que as afianza na parte alta da clasificación, á espera dos vindeiros cruces que serán decisivos para ver se hai clasificación para o torneo ibérico”, comentan desde o club ourensán.

Desigual sorte en xadrez

Polo que respecta ao xadrez, os equipos do campus acadaron unha vitoria, un empate e unha derrota na cuarta xornada da liga galega. En primeira división, o Universitario Campus de Ourense A gañou en Vigo a Aleknine-Correduria Tempu por 1-3, con vitorias de Brais Gerpe, César Pérez e Manuel Álvarez e derrota de Lino Hermida. En segunda división, o representante do campus acadou un empate en Celanova, con vitorias de Marcos Reza e Miguel Reza e derrotas de Adrián González e Raúl Martínez. Xa en terceira división, o Universitario Campus de Ourense sumou unha derrota na casa contra o Liceo de Ourense B por 0-4, con derrotas de Julio César Pérez, Favio Fuentes, Mateo Dibuja e Rodrigo Arias.