Os equipos de rescate localizan unha segunda persoa falecida entre os entullos producidos pola explosión da pirotecnia de Tui

Permanecen ingresados seis feridos e hai dúas persoas en observación
Publicado por o día 24/05/2018 na sección de Galicia,Sucesos,Tui

Os equipos de rescate localizan unha segunda persoa falecida entre os entullos producidos pola explosión da pirotecnia de Tui

Os equipos de rescate que traballan nos labores de desentullo trala explosión dunha pirotecnia en Tui localizaron esta mañá o cadáver dunha segunda persoa. Os traballos reiniciáranse a primeira hora, coa incorporación de dous cans de rescate, despois de que a autoridade xudicial determinara onte pola noite que o lugar non era seguro para os grupos de intervención. De madrugada quedaron no lugar catro dotacións de bombeiros que se dedicaron a extinguir posibles focos. Todos foron de pouca relevancia salvo un que foi maior e requiriu dunha nodriza para dotar de auga aos bombeiros.

Axentes da Garda Civil e Policía Nacional, axudados por Protección Civil, mantiveron a seguridade na zona, onde interviron 240 efectivos de emerxencias e ducias de axentes de Policía Nacional, Garda Civil, Autonómica e Local.

Os veciños que perderon as casas foron realoxados en hoteis e reciben asistencia e apoio. Cruz Roja mantivo un dispositivo de albergue na zona, que prestou asistencia a 5 dos evacuados.

Os centros sanitarios da área de Vigo levan atendidos a un total de 37 feridos, dos que 7 deles son menores. Na mañá de hoxe permanecían ingresados 6 e outros dous en observación

Así, desde a xornada de onte, 16 pacientes foron atendidos no Punto de Atención Continuada (PAC) de Tui, 15 no Hospital Álvaro Cunqueiro, 3 en POVISA e 3 en Fátima.

Os feridos presentaban lesións de diversa consideración: contusións, fracturas, queimaduras e traumatismos, aínda que, no momento actual, ningún caso ten un prognóstico moi grave nin existe compromiso vital.