Os escolares de Redondela demandan máis actividades deportivas e culturais

Participaron máis de 300 persoas no pleno xuvenil celebrado esta mañá na praza do Concello.
Por o 28/03/2019 | Sección: Galicia,Redondela
Os escolares de Redondela demandan máis actividades deportivas e culturais

O Concello de Redondela celebrou a mañá de onte nun pleno xuvenil no que participaron alumnos dos seguintes centros: CEIP de Reboreda, Colegio Vigo, CEIP Laredo, CEIP Alexandre Bóveda, IES Pedro Floriani, CEIP Outeiro das Penas, IES Illa San Simón, CEP Santa Mariña, IES Chapela e CEIP Quintela. En total foron máis de 300 escolares os que participaron na xornada na que o tema principal a debater foron as alternativas de ocio que máis lles interesan.

Os escolares fixéronlle chegar ao alcalde, Javier Bas, todas as súas propostas en materia de ocio e lecer, sendo destacable o interés que demostraron polas actividades deportivas e culturais. Algunhas das súas petición foron: cine na rúa, Paintball e Gymcanas.

Como vén sendo habitual nesta xuntaza, e como tamén se foi no pleno municipal político, gardouse un minuto de silencio en sinal de recordo das vítimas de Violencia de Xénero e vítimas de Violencia no ámbito doméstico.

Agora, unha vez escoitadas as propostas, o goberno local convocará á xunta de portavoces que representan os escolares de todos os centros para informarlle da viabilidade de cada unha das súas achegas.

Os escolares recibiron gorras co logo da UNESCO, selo do que dispón o Conservatorio Municipal de Redondela, e tamén coa insignia de Cidades Amiga da Infancia, en sinal do nomeamento da vila por parte de UNICEF.

Ao remate, tiveron a ocasión de achegarse até o alcalde, Javier Bas, para recibir da súa man un exemplar asinado do libro que editou o Concello sobre o uso responsable da auga, e que foi elaborado grazas á súa colaboración.

Para o rexedor redondelano esta é, segundo afirma, “unha xornada moi enriquecedora para o goberno local porque nos permite coñecer as propostas dos máis pequenos”. Bas asegura, ademais, que elaborar unha programación de ocio e lecer para a infancia e xuventude de Redondela é unha das súas prioridades”.

 

Comentar noticia

Your email address will not be published.