Os escolares de Mos visitan o Festival de Cans

Esta mañá realizaron a actividade os alumnos do Colexio Pena de Francia acompañados pola alcaldesa e a concelleira de Educación
Publicado por o día 24/05/2017 na sección de Educación,Galicia,Mos,Vigo

Os escolares de Mos visitan o Festival de Cans

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e a concelleira de Educación e Participación Cidadá, Kely Monzón, acompañaron esta mañá aos alumnos e alumnas de Primaria do Colexio Pena de Francia á visita que realizaron ao Festival de Cans.

Dende a Concellería de Educación e Participación Cidadá organízase esta actividade para o alumnado de 5º e 6º de Primaria do CEIP Pena de Francia e 4º e 5º de Primaria do CEIP Atín–Cela coa intención de colaborar no desenvolvemento da súa bagaxe cultural e artística.

Os obxectivos desta iniciativa son colaborar no desenvolvemento da competencia cultural e artística dos escolares do noso Concello, dar a coñecer os recursos e as manifestacións culturais e artísticas do noso contorno, fomentar o espírito crítico entre os escolares, desenvolver nos alumnos/as as habilidades necesarias para apreciar e disfrutar coa arte e con outras manifestacións culturais, proporcionar un espazo de relación e comunicación diferente ao habitual e dar a coñecer a gran labor da organización e dos veciños que colaboran de xeito altruísta.

 

O programa consiste nunha visita ao Festival de Cans, na que os alumnos/as poden disfrutar das diferentes actividades que ofrece este evento,  ademais de coñecer as súas instalacións e ao persoal encargado da organización do mesmo.

Os participantes son divididos en dous grupos. Un deles fai unha visita guiada polos lugares máis emblemáticos do Festival. O alumnado visita os patios das casas onde se fan os visionados das películas, os concertos e as demais actividades todo iso acompañado por un monitor que explica o funcionamento do festival, as súas características, os seus invitados máis emblemáticos, o seu nacemento…resolvendo as dúbidas dos/as nenos/as en todo momento. Poden sacarse fotos no “chimpín”, o particular transporte do festival.

O outro grupo visiona unha serie de curtas de animación e ciencia ficción nunha sala e logo terán un pequeno coloquio con algún realizador, guionista ou produtor; que ande eses días polo Festival.  Neste caso, cóntase co director de “A Esmorga”, Ignacio Vilar, que ofrece unha breve charla sobre a realización da súa película. Ademais, cóntase coa presenza de Daniel Guzmán que dedica tamén unhas palabras ó alumnado. A continuacioón, despois dun descanso de media hora para que os/as nenos/as repoñan forzas, realízanse as mesmas actividades pero co outro grupo.

A visita a Cans realizárona hoxe os rapaces e rapazas do Colexio Pena de Francia e o venres farana os de Atin.