Os espazos +60 de Afundación inician un novo curso ante o reto da revolución da lonxevidade

Os once espazos que ten a entidade en toda Galicia reanudarán a actividade o vindeiro luns 2 de setembro
Publicado por o día 28/08/2019 na sección de Formación,Galicia

Os espazos +60 de Afundación inician un novo curso ante o reto da revolución da lonxevidade

Tras o descanso estival, os espazos +60 de Afundación, a Obra Social de ABANCA, abrirán as súas portas o luns 2 de setembro. Para este curso deseñáronse novos programas que teñen como obxectivo o fomento da aprendizaxe ao longo da vida, o benestar, o desenvolvemento persoal e o aproveitamento da experiencia vital e profesional das persoas maiores a través de proxectos interxeracionais e de voluntariado. De maneira transversal, os programas centraranse igualmente en crear oportunidades para que as distintas xeracións estean conectadas e en promover unha imaxe social desta poboación afastada de estereotipos.

Afundación desenvolve unha innovadora programación que sitúa á entidade como un axente relevante no impulso do envellecemento activo, ofrecendo na súa rede de centros denominados espazos +60, 11 en total, oportunidades de crecer persoalmente, de achegar á comunidade, de formarse e conectar coa actualidade, ao mesmo tempo que se desenvolven hábitos de vida saudables e mantense unha rede de relacións dinámica. En palabras da coordinadora da área de Envellecemento Activo da entidade, Sabela Couceiro, «o incremento da esperanza de vida representa un gran logro social que, xunto cos cambios nos perfís das persoas maiores con estilos de vida máis activos e independentes, obríganos a repensar o noso curso de vida, a construción social da vellez e o modo de afrontar este período vital cuxo inicio cada vez é máis difuso. Neste contexto da revolución da lonxevidade, desde Afundación temos o reto de seguir innovando para desenvolver un modelo adecuado ás novas necesidades e expectativas das persoas maiores».

OS PROGRAMAS DOS ESPAZOS +60

Dentro da prioridade estratéxica de Afundación de identificar e desenvolver oportunidades para poñer en valor o talento e a experiencia vital e profesional do colectivo sénior, e de maneira particular para favorecer o intercambio cos mozos e o enriquecemento mutuo, Afundación desenvolverá novamente durante o curso escolar os proxectos «Falamos da escola» e «Fálame da emigración» que propician a celebración de encontros entre estudantes de secundaria de centros escolares de toda Galicia e maiores voluntarios socios dos espazos +60 de Afundación para dialogar, no primeiro caso, sobre as súas vivencias na emigración, e no segundo sobre a experiencia escolar dos maiores. O proxecto de voluntariado inclúe tamén outras actividades nas que os voluntarios transmiten os seus coñecementos ou habilidades como talleres de idiomas, sobre patrimonio histórico e cultural, artesanía, aulas de saúde, música, teatro, contacontos, clubs de lectura, etc.

Así mesmo, o reto de Afundación é facilitar oportunidades para que as persoas maiores sigan desenvolvendo o seu proxecto vital a través de accións baseadas no modelo de envellecemento activo promovido pola Organización Mundial da Saúde (saúde, aprendizaxe permanente, participación social e seguridade). Estas accións deben responder as súas necesidades e expectativas e adaptarse aos novos e diversos perfís que se incorporan, cun maior nivel de instrución e de manexo da internet. Deste xeito, os programas levados a cabo nos espazos +60 de Afundación desenvólvense ao redor de cinco liñas de traballo:

· Cultura dixital, para facilitar a incorporación das persoas maiores ás novas tecnoloxías na súa vida cotiá.

· Hábitos saudables, con actividades físicas pero tamén de desenvolvemento cognitivo, benestar persoal e emocional ou nutrición.

· Formación e coñecemento, con actividades que favorecen a aprendizaxe de idiomas, o coñecemento do patrimonio, as humanidades ou a formación en temas emerxentes.

· Cultura e expresión artística, entre os que destacan varias agrupacións consolidadas que realizan actuacións no exterior, como as teatrais nos centros da Coruña, Pontevedra e Vigo; contacontos e monicreque en Betanzos, Ourense, Pontedeume, Pontevedra e A Coruña; ou corais e instrumentais en Ferrol e Santiago.

· Lecer activo e relacional, coa programación de viaxes nacionais e internacionais e visitas culturais a museos, rutas históricas e naturais, ademais da celebración de festividades tradicionais.

· A partir do luns 2 de setembro, as persoas interesadas en facerse socias poden dirixirse aos espazos +60 das súas cidades para informarse e/ou facer o seu reserva. Así mesmo, a inscrición nas actividades poderá realizarse entre o 10 e o 20 de setembro, en liña ou nos propios centros:

 

Comentar noticia

Your email address will not be published.