Os especialistas animan á poboación de Ourense a participar no Programa de detección precoz de cancro de colon

Con motivo da celebración onte do Día de Prevención do Cancro Colorectal, a Xerencia de Xestión Integrada do Sergas en Ourense, anima á poboación a participar no Programa de Cribado
Publicado por o día 01/04/2017 na sección de Galicia,Ourense,Salud,Sanidad,Vigo

Os especialistas animan á poboación de Ourense a participar no Programa de detección precoz de cancro de colon
Con motivo da celebración onte do Día de Prevención do Cancro Colorectal, a Xerencia de Xestión Integrada do Sergas en Ourense, anima á poboación a participar no Programa de Cribado, ou detección precoz, de Cancro Colorectal da Consellería de Sanidade, plenamente implantado xa en toda a provincia e que, cun sinxelo e indoloro test, permite diagnosticalo precozmente ou incluso detectalo nun estadío previo.

Distintas asociacións de pacientes, sociedades médicas e institucións sanitarias centran hoxe seus esforzos en destacar a importancia de implantar un programa de cribado para a detección precoz de este tipo de cancro, como o que xa conta a Consellería de Sanidade, naquelas comunidades autónomas que aínda non o teñen e, tamén, animar aos usuarios a participar no programa existente.

Detectados 80 casos de cancro

Aos 20 meses da implantación do Programa de Cribado en Ourense, primeira área onde se puxo en marcha, tralo piloto realizado en Ferrol, os resultados son esperanzadores en canto a taxa de detección precoz de cancro e lesións pretumorais, pese a que de momento só participou menos da metade do poboación diana, o 47,27%, dos 54.777 homes e mulleres, entre os 50 e os 69 anos, invitados ata agora a participar en Ourense.

Entre 25.895 ourensáns participantes, o Servizo de Dixestivo Servizo de Dixestivo do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense, diagnosticou 80 casos de cancro colorectal e detectou e extraeu lesións pretumorais, ou pólipos, a 540 persoas, que evitaron así un mais que probable desenvolvemento dun cancro deste tipo. É importante destacar que, destes 80 casos, a metade diagnosticáronse nunha fase inicial, o que aumenta as posibilidades de curación e supervivencia ata un 90%.

Sorprendentemente, pese a que participaron menos no cribado, un 43% fronte ao 51% das mulleres, segundo explica o Dr. Joaquín Cubiella, do Servizo de Dixestivo, os homes teñen mais risco de padecer cancro colorectal, mais incluso que mulleres con antecedentes familiares, con dous familiares directos afectados. Por elo, os profesionais os animan especialmente a incrementar súa participación

Detección precoz e aumento da supervivencia

O obxectivo fundamental do programa de cribado colorectal galego é reducir a incidencia e mortalidade deste tipo de tumores, un dos mais frecuentes; aumentar a supervivencia e curación, mediante o diagnóstico precoz; e previlo detectando a existencia de pólipos colorectais, precursores do cancro, e que normalmente pasan desapercibidos, xa que non dan síntomas.

Este programa preventivo, no que Galicia foi unha das comunidades pioneiras a nivel estatal, vai dirixido ás persoas con risco medio de padecer cancro colorrectal: Homes e mulleres entre os 50 e os 69 anos, sen factores de risco ou que non o padeceran xa, polo que no caso de Ourense invitarase a participar a unhas 87.000 persoas.

A proba inicial do programa é a realización dun sinxelo test de sangue oculto en feces. Para elo, estes usuarios reciben unha carta, cun sobre prefranqueado para confirmar súa vontade de participar. Tras elo se lles envía a casa o material necesario para tomar unha mostra de feces e instrucións de como realizalo. Posteriormente a mostra deixase no centro de saúde, desde onde se envía ao laboratorio do CHUO, que ante a presencia de sangue activa inmediatamente o protocolo para ampliar os estudos e realizar un diagnóstico nun tempo mínimo.

Así, cando se detecta a presenza de sangue, son citados directamente cara seu médico de cabeceira, que lle explica o resultado e a necesidade de realizar unha exploración mais completa, consistente nunha colonoscopia, proba que se fai con sedación e practicamente sen molestias, para descartar ou confirmar -pero tamén tratar- lesións pretumorais. Cando todo é correcto se envía unha carta indicándolles que se lles volverá a invitar aos dous anos.

Pese a que os resultados de participación considéranse bós para o arranque dunha iniciativa destas características, os especialistas instan a toda a poboación diana a participar enviando o sobre para recibir o kit, incluso se o recibiron hai un ano, ou a contactar co seu médico de cabeceira se perderon a carta para facelo.