Os espectáculos galegos protagonizan o cartel do Festaclown de Vilagarcía do 15 ao 22 de agosto

Nove compañías galegas comparten programa co italiano Simone Romanó, o madrileño Javi Javichi, o catalán Albert Vinyes e Cía Vaya, con integrantes de Chile, Francia e Italia
Publicado por o día 05/08/2020 na sección de Cultura,Galicia,Vilagarcia

Os espectáculos galegos protagonizan o cartel do Festaclown de Vilagarcía do 15 ao 22 de agosto

A organización do Festaclown desvelou hoxe a programación que desenvolverá do 15 ao 22 de agosto en Vilagarcía de Arousa cunha destacada presenza de espectáculos galegos e media ducia de estreas. Como unha das novidades deste ano, a programación concéntrase durante unha semana e nunha soa localización, a praza da II República da capital arousá, ademais de habilitar a reserva de entradas como medidas para garantir a seguridade do público.

O director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, participou hoxe na presentación do evento en nome da Xunta de Galicia, colaboradora habitual do festival que organiza a promotora galega Culturactiva. Sutil felicitou ao equipo organizador deste festival de humor solidario, representado por Nacho Fungueiriño e Fran Rei, polo esforzo para manter esta cita no complicado contexto actual e subliñou a gran capacidade de reacción e de adaptación da que está a facer gala o sector cultural galego á hora de retomar a actividade adaptándose á nova situación provocada pola crise sanitaria.

Plan de reactivación

Neste sentido, lembrou que a Xunta de Galicia está a desenvolver o Plan de reactivación dos sectores cultural e turístico cunha serie de medidas encamiñadas a apoiar as empresas e profesionais fronte aos efectos da covid-19. Entre elas, a modificación das bases das subvencións da Consellería de Cultura e Turismo a festivais escénicos, dotadas con 190.000 euros e que serán resoltas este mes de agosto. Entre os cambios inseridos, destacan o aumento das porcentaxes tanto de contratación de compañías galegas como do orzamento máximo que os adxudicatarios poden financiar a través desta convocatoria.

A aposta pola produción galega é precisamente unha das características que definen o Festaclown 2020, coa participación de nove formacións galegas, varias delas estreando novos espectáculos, como Isolada, de Pajarito; O parrulo feo, de Cía N+1, ou Ritmo, da nova compañía Trío Detrés. As propostas galegas, entre as que figuran tamén as de Mofa e Befa, Píscore, Troula, Peter Punk, Catropés ou Su.Ma, comparten cartel con outras chegadas de fóra: Cía Vaya, con integrantes de Italia, Francia e Chile, que estreará en Vilagarcía Te veo; o italiano Simone Romanó, que tamén ofrece en primicia Hop hop; o showman madrileño Javi Javichi e mais o clown catalán Albert Vinyes.

A programación deste ano complétase con dúas galas solidarias, para as que Festaclown conta con outra decena de artistas: Cirqueiras o sábado 15, que reivindicará o papel das mulleres no mundo do circo e do humor con Mónica de Nut, Ánxela Blanco, Vanessa Rivas, Marta Semprearriba e Raquel Veganzones en escena; e A saúde é o primeiro, o venres 21 con Fran Rei, Pedro Brandariz, O Mago Teto, Isabel Risco e Albert Vinyes.

Comentar noticia

Your email address will not be published.