Os establecementos comerciais poden realizar rebaixas e promocións se garanten que non se producen aglomeracións

Tras as cuestións plantexadas o domingo polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, o Goberno aclara que non se restrinxen este tipo de accións comerciais sempre que se respecten as medidas de seguridade
Publicado por o día 13/05/2020 na sección de Economía,Emprego,Empresas,Eventos,Galicia,Xunta de Galicia

Os establecementos comerciais poden realizar rebaixas e promocións se garanten que non se producen aglomeracións

Tras as xestións realizadas polo Goberno galego, os establecementos comerciais poden realizar rebaixas e promocións se garanten que non se producen aglomeracións e que se cumpre coas perceptivas medidas de seguridade. Esta aclaración do Goberno prodúcese despois de que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, trasladara o pasado domingo, na videoconferencia co presidente do Goberno e outros presidentes autonómicos, as diferentes inquedanzas do comercio galego en relación á Orde SND/399/2020, publicada o sábado 9 de maio no Boletín Oficial do Estado, e que regula a actividade do sector nesta fase 1.

Ademais de todo o relativo ás accións comerciais, que maioritariamente se interpretaba que se limitaban para os establecementos físicos, establecendo diferentes condicións para o comercio en liña, tamén se trasladaron diferentes dúbidas sobre como cumprir a obriga de establecer sistemas que permitan o reconto e control do aforo.

No ámbito comercial, desde a Xunta tamén se sinalou a necesidade de que os establecementos que dispoñan dunha superficie maior á contemplada na normativa –400 metros cadrados– poidan reiniciar a actividade reducindo temporalmente a superficie comercial a ese límite. E tamén se propuxo que, ao igual que se permite a apertura dos concesionarios de automoción, se aplique este criterio a establecementos de venda ao por menor de artigos de construción e saneamento e maquinaria industrial e agrícola.

O Goberno galego, que está elaborando un plan de reactivación do comercio en cooperación co sector, reitera a súa solicitude dun protocolo claro de actuación a nivel estatal que conte co diálogo preciso para que o comercio poida abrir ao público con plenas garantías e ofrecendo a máxima confianza aos consumidores.

Comentar noticia

Your email address will not be published.