Os estaleiros SBA Shipbuilding Asia, Damen Shipyard e Navaltagus confirman a súa presenza en Navalia 2020

A dirección da feira desprázase esta semana a Marrocos para preparar unha misión comercial coa industria auxiliar do país e armadores de pesca que aposten por Galicia
Por o 28/05/2019 | Sección: Galicia,Naval,Vigo
Os estaleiros SBA Shipbuilding Asia, Damen Shipyard e Navaltagus confirman a súa presenza en  Navalia 2020
As confirmacións de expositores internaciones para a feira Navalia 2020 empezan a chegar a Vigo. E é que os estaleiros SBA Shipbuilding Asia (estaleiro de Vietnam con sede en Inglaterra), Damen (Holanda) e Navaltagus (Portugal) estarán na oitava edición do salón.
 
Trátase dunha excelente noticia para a dirección de Navalia dado que un dos retos para 2020 é potenciar a presenza internacional. “Estamos a facer un gran esforzo desde dous enfoques: a parte expositora e a do visitante. A confirmación de estaleiros tan potentes a case un ano da feira é moi importante para nós e axúdanos a seguir traballando na mesma liña. Esperamos ter máis confirmacións similares ao finalizar o verán”, explica Javier Arnau. “Queremos que estes estaleiros coñezan a nosa industria auxiliar e aposten por ela como provedores”, apunta.
 
Con respecto á parte dos visitantes, a organización ten abertas varias conversacións con distintas institucións para a visita de delegacións internacionais. Cabo Verde, Namibia, Arxentina, Perú e Estados Unidos están case confirmadas, e esta semana Javier Arnau desprázase Marrocos para preparar unha misión comercial coa industria auxiliar do país. “Imos reunir coa Cámara de Comercio de España en Marrocos e coa Embaixada de España en Casablanca e Rabat. Marrocos non está en Navalia desde a edición de 2014 e queremos lograr que volva cunha misión comercial da industria auxiliar e os armadores do país, á vez que lle trasladaremos unha invitación formal ao Goberno marroquí, coa axuda do ICEX”, afirma o director de Navalia. Cabe lembrar que a frota pesqueira de Marrocos urxe unha importante renovación e os estaleiros galegos teñen unha ampla experiencia e capacidade para levar a cabo esta tarefa.
 
Doutra banda, a próxima semana a organización da Feira Internacional da Industria Naval, visitará Nor- shipping 2019, da man de Aclunaga e o apoio do IGAPE. A feira, unha das máis importantes do mundo, celebrarase do 4 ao 7 de xuño en Oslo.
 
Noruega é desde hai anos un país moi relevante para o sector naval galego. Pero neste momento a construción dos dous ferris para a armadora norueguesa Havila Kystruten por parte do estaleiro Barreiras fan que esa relación sexa aínda máis estreita.
 
Precisamente por iso, será a primeira vez que Navalia acuda a Nor-Shipping como socia da Cámara de Comercio Hispano Noruega. A feira galega entrou a formar parte desta institución o pasado mes de xaneiro. Trátase dunha alianza de carácter estratéxico para a feira que preside José García Costas dado que está Cámara representa a máis de 7.000 empresas do país. A integración da Feira Internacional da Industria Naval de Vigo nesta asociación permitiralle acceder e manter unha maior relación coas empresas do sector naval para que aposten por Galicia, así como explorar máis oportunidades de negocio.

Comentar noticia

Your email address will not be published.