Os estudantes de enxeñería biomédica aprenden as técnicas de reanimación cardiopulmonar

Esta formación universitaria está orientada á investigación e desenvolvemento de equipos electrónicos utilizados nos centros sanitarios para o diagnóstico e a práctica clínica, así como noutros campos da medicina como a Telemedicina, a Xestión sanitaria e equipamento
Publicado por o día 10/06/2019 na sección de Galicia,Sanidad,Vigo

Os estudantes de enxeñería biomédica aprenden as técnicas de reanimación cardiopulmonar

A I Promoción de Grao de Enxeñeiros Biomédicos xa tivo a súa primeira interactuación co mundo hospitalario e os seus profesionais sanitarios. Así, veñen de participar nun curso voluntario de soporte vital, onde aprenderon as técnicas básicas de reanimación cardiopulmonar. O curso foi impartido por un equipo da Unidade de Coidados Intensivos, o doutor David Mosquera e as enfermeiras Marta Rodríguez e Belén Magariños.

Esta I promoción xa recibirá no segundo cuatrimestre do vindeiro ano parte da súa formación no Cunqueiro, onde cursarán as materias completas -teórica e práctica- de Estrutura e Patoloxía Médica e Estrutura e Patoloxía Cirúrxica.

A Enxeñería Biomédica aplica os principios da enxeñería ás ciencias da vida. Esta disciplina combina os criterios de deseño en enxeñería e as ferramentas de análise das ciencias para resolver problemas en medicina, bioloxía, biotecnoloxía ou farmacia. Esta formación universitaria está orientada á investigación e ao desenvolvemento de equipos electrónicos utilizados nos centros sanitarios para o diagnóstico e a práctica clínica así como noutros campos da medicina como a Telemedicina, a Xestión sanitaria e Equipamento. Isto é, trátase de aplicar os principios e coñecementos da enxeñería industrial, da telecomunicación e informática ao campo da medicina e da tecnoloxía de produtos sanitarios.

Cinco disciplinas completas no hospital

A partir do 2º curso, os alumnos e alumnas cursarán 5 materias completas no hospital: Estrutura e Patoloxía Médica e Estrutura e Patoloxía Cirurxía (en 2º curso); Enxeñería Clínica e Hospitalaria, e Fundamentos da Tecnoloxía Hospitalaria (en 3º curso); e Tecnoloxía Hospitalaria en cuarto.