Os estudantes do Centro de Formación Profesional Colegio Hogar Afundación de Vigo volven ás aulas

O novo curso académico comezará o vindeiro 16 de setembro para os alumnos e alumnas dos 9 ciclos formativos de grao medio e superior que se imparten no centro
Publicado por o día 18/08/2020 na sección de Educación,Formación,Galicia,Vigo

Os estudantes do Centro de Formación Profesional Colegio Hogar Afundación de Vigo volven ás aulas

18.08.2020. O Centro de Formación Profesional Colegio Hogar Afundación iniciará o próximo 16 de setembro un novo curso académico das 9 titulacións de ciclos formativos que se imparten no centro, seis de grao medio —Preimpresión dixital, Impresión gráfica, Soldadura e caldeiraría, Mecanizado, Instalacións eléctricas e automáticas e Instalacións de telecomunicación— e tres de grao superior —Programación da produción en fabricación mecánica, Automatización e robótica industrial e Mantemento electrónico—.

O Centro de Formación Profesional Colegio Hogar Afundación Vigo converteuse, ao longo dos meses de maior gravidade de incidencia do coronavirus en España, nun referente de voluntariado e cooperación social. A maquinaria, os materiais e o claustro, xunto con persoas voluntarias do propio centro, de Afundación e ABANCA, ademais do traballo de costureiras voluntarias desde os seus domicilios, puxéronse ao servizo da sociedade para fabricar elementos de protección individual, como máscaras ou pantallas. Miles de unidades elaboradas no centro de Afundación foron distribuídas tanto en puntos de especial vulnerabilidade, como a institucións ou colectivos que tiveron que lidar coas consecuencias do virus en primeira liña.

No marco da promoción do coñecemento como un dos motores fundamentais para o pleno desenvolvemento social, Afundación, a Obra Social de ABANCA, incorporou ao seu modelo de educación superior orientado á empresa a divulgación da investigación e da experiencia práctica nos diferentes sectores produtivos. Para iso conta con centros como este cuxas actividades se desenvolven ao redor deste ámbito académico que, tras adquirir unha gran capacidade de adaptación aos diversos plans educativos implantados ao longo das últimas décadas, están redirixidos a destacar os seus valores de orientación ao mercado laboral.

O Centro de Formación Profesional Colegio Hogar Afundación, emprazado na rúa Filipinas, 6, en Vigo, é un centro de referencia na formación de profesionais e na súa inserción laboral. O centro é punteiro no ámbito da formación profesional, un prestixio resultante tanto da calidade dos seus programas como do recoñecemento das empresas ás que se dirixiron os estudantes xa graduados. O obxectivo prioritario do equipo do centro é, coa súa programación anual e con iniciativas como a «Semana Técnica», na que participan anualmente ao redor de 60 empresas, achegar recursos adecuados para incrementar progresivamente as porcentaxes de inserción laboral.

Comentar noticia

Your email address will not be published.