Os estudantes do Colegio Hogar Afundación de Vigo volven ás aulas

O novo curso académico comezará o vindeiro 16 de setembro para os alumnos e alumnas dos 9 ciclos formativos de grao medio e superior que se imparten no centro
Publicado por o día 27/08/2019 na sección de Galicia,Vigo

Os estudantes do Colegio Hogar Afundación de Vigo volven ás aulas

O Centro de Formación Profesional Colegio Hogar Afundación iniciará o próximo 16 de setembro un novo curso académico das 9 titulacións de ciclos formativos que se imparten no centro, seis de grao medio —Preimpresión dixital, Impresión gráfica, Soldadura e caldeiraría, Mecanizado, Instalacións eléctricas e automáticas e Instalacións de telecomunicación— e tres de grao superior —Programación da produción en fabricación mecánica, Automatización e robótica industrial e Mantemento electrónico—. A práctica totalidade das prazas xa se cubriron na convocatoria ordinaria e quedan unicamente dispoñibles para o período extraordinario de admisión un total de 12 prazas en Instalacións de telecomunicación, Impresión gráfica e Instalacións eléctricas e automáticas.

No marco da promoción do coñecemento como un dos motores fundamentais para o pleno desenvolvemento social, Afundación, a Obra Social de ABANCA, incorporou ao seu modelo de educación superior orientado á empresa a divulgación da investigación e da experiencia práctica nos diferentes sectores produtivos. Para iso conta con centros como este cuxas actividades se desenvolven ao redor deste ámbito académico que, tras adquirir unha gran capacidade de adaptación aos diversos plans educativos implantados ao longo das últimas décadas, están redirixidos a destacar os seus valores de orientación ao mercado laboral.

O Centro de Formación Profesional Colegio Hogar Afundación, emprazado na rúa Filipinas, 6, en Vigo, é un centro de referencia na formación de profesionais e na súa inserción laboral. Nesta liña, o Colegio Hogar Afundación constatou no ano 2018 unha taxa de empregabilidade do seu estudantado próxima ao 66 %. O centro é punteiro no ámbito da formación profesional, un prestixio resultante tanto da calidade dos seus programas como do recoñecemento das empresas ás que se dirixiron os estudantes xa

graduados. O obxectivo prioritario do equipo do centro é, coa súa programación anual e con iniciativas como a «Semana Técnica», na que participan anualmente ao redor de 60 empresas, achegar recursos adecuados para incrementar progresivamente as porcentaxes de inserción laboral.