Os fogóns da tolerancia a pleno rendemento en Mos polo Día da Discapacidade

Usuarias de EVD Galicia, Escravas da Virxe Dolorosa, ensinan a escolares mosenses a elaborar marmeladas nas instalacións do seu centro en Petelos para conmemorar esta data
Por o 03/12/2018 | Sección: Galicia,Mos
Os fogóns da tolerancia a pleno rendemento en Mos polo Día da Discapacidade

Hoxe luns, día 3 de decembro, conmemórase o Día Internacional das Persoas con Discapacidade e o Concello de Mos, -dende as concellerías de Política Social, Educación e Participación Cidadá que dirixen respectivamente os edís Sara Cebreiro, Camilo Augusto e Julia Loureiro-, en colaboración con EVD Galicia, Escravas da Virxe Dolorosa, organizaron un obradoiro de elaboración de marmeladas para escolares do municipio.

Esta mañá as usuarias do Centro Ocupacional das Escravas, sito en Petelos, foron mestras por un día dos alumnos/as de 5º curso de Educación Primaria do Colexio Mestre Martínez Alonso, de Castro-Mos, ensinándolles aos cativos a preparar marmeladas caseiras coma as que elas mesmas realizan para a venda e entre as que teñen especial éxito a de mazá, coma a que fixeron os nenos e nenas mosenses no Centro das Escravas esta mañá, e a de pemento.

Escolares e mulleres de EVD Galicia recibiron hoxe durante o transcurso do obradoiro a visita das representantes municipais Sara Cebreiro, concelleira de Política Social, e da alcaldesa, Nidia Arévalo, que lles trasladaron a vontade municipal de seguir a traballar arduamente no apoio ao colectivo de persoas con discapacidade mediante diversos programas, medidas e actividades.

Os obxectivos desta iniciativa son facer visible ante a sociedade a realidade dun colectivo que, en contra do que moitos pensan, é moi válido e apto para infinidade de tarefas; e aumentar a autoestima e a autorrealización dos membros de dito colectivo, neste caso as usuarias do Centro de EDV Galicia (Escravas da Virxe Dolorosa). Así o declaraba a rexedora local mosense, Nidia Arévalo, e o facían saber tamén as propias usuarias das Escravas.

Por último, tamén se pretende educar na diversidade e no respecto dende a infancia, de ahí a importancia deste obradoiro con escolares; para que os nenos e nenas coñezan dende cativos a realidade da discapacidade e a vivan con tolerancia e sendo conscientes de que das persoas con discapacidade tamén hai moito que aprender.

Noticias de última hora en Vigo

Comentar noticia

Your email address will not be published.