Os Gardacostas requisan máis de 360 quilos de peixe e marisco e de 400 útiles de pesca en distintos controis realizados nos últimos días

Unha das actuacións máis destacadas foi na ría de Vigo e saldouse coa incautación de 100 nasas de polbo, 500 metros de trasmallos, 65 quilos de polbo e dous quilos e medio de peixe
Publicado por o día 13/07/2017 na sección de Sucesos

Os Gardacostas requisan máis de 360 quilos de peixe e marisco e de 400 útiles de pesca en distintos controis realizados nos últimos días

Axentes do Servizo de Gardacostas de Galicia, dependente da Consellería do Mar, requisaron máis de 360 quilos de distintas especies de peixe e marisco e máis de 400 útiles de pesca en diferentes controis realizados na última semana. Tamén se aprehenderon de 500 metros de artes de enmalle.

Na ría de Vigo os axentes realizaron diferentes actuacións que deron como resultado o comiso de máis de 160 quilos de diversas especies de peixe e marisco e a incautación de 219 útiles. A actuación máis destacada foi en Cíes e saldouse coa incautación de 100 nasas de polbo sen identificar, 500 metros de trasmallos, 65 quilos de polbo, máis dun quilo de linguado e un quilo de raia.

Na ría de Pontevedra os gardacostas tamén fixeron varios controis que se saldaron co comiso de cerca de 20 quilos de distintas especies de peixe e marisco e dous viveiros. Case toda a mercadoría foi requisada nos portos de Beluso e Sanxenxo, onde comisaron 16 quilos de distintas especies de marisco e os dous viveiros debido a que estaban sen identificar.

A ría de Arousa tamén foi escenario doutras actuacións nas que os axentes se fixeron con 18 quilos de distintas especies e con 93 nasas. A actuación máis reseñable foi na zona de Castiñeiras e nela os gardacostas requisaron sete quilos de conguito, cinco quilos de polbo e 54 nasas que estaban sen identificar.

Ademais, noutros controis realizados na ría de Muros e Noia, os axentes requisaron preto de 20 quilos de diversas especies de peixe e marisco e 26 nasas. Estas nasas foron incautadas durante un control realizado en Abelleira debido a que estaban sen identificar e nel os gardacostas tamén comisaron tres quilos de congro e máis dun quilo de polbo.

Por outra banda, na Costa da Morte os axentes realizaron varios controis que se saldaron con 122 quilos de varias especies de marisco e 29 útiles. Unha das actuacións máis destacadas realizouse nos pantaláns de Muxía e Camariñas e saldouse co comiso de 25 quilos de nécora, 29 quilos de centola e cinco quilos de santiaguiño. Parte das cantidades destas especies estaban ovadas. Ademais nesta actuación os axentes tamén incautaron cinco viveiros e tres bolsas de rede.

A maiores, na ría da Coruña, os gardacostas tamén se fixeron con máis de 13 quilos de distintas especies de marisco e con 48 nasas e na ría de Ferrol requisaron máis de 14 quilos de peixe e marisco e 20 nasas.