Os grupos da Oposición municipal tumban a proposta do BNG de feminización do rueiro

Por o 07/11/2017 | Sección: BNG,Galicia,Política,Pontevedra
Os grupos da Oposición municipal tumban a proposta do BNG de feminización do rueiro

Unha vez máis os grupos da oposición, Marea, PP, PSOE e Ciudadanos votaron en contra a proposta do BNG para renomear algunhas rúas con nomes de mulleres.

Hoxe na Comisión de Benestar, Cultura e Deporte volvemos debater a proposta do BNG que xa fora presentada anteriormente e que recollía expresamente o sentir de todos os grupos tal como se puxera de manifesto na comisión do mes de setembro. Nesta comisión fora da orde do día, propuxérase impulsar o acordo plenario de xuño do 2015 onde se recollían a relación de nomes das mulleres recoñecidas na cidade, a organización dun acto de recoñecemento institucional, a organización dun roteiro urbano e a denominación de Josefina Arruti Viaño para o acceso Sur da cidade. Tamén se acordara que este criterio non substituiría á declaración do 2005 a prol do uso da toponimia propia galega, senón que o complementaría.

No pleno de xuño de 2015 o acordo foi tomado por unanimidade despois de recoller algunhas achegas do grupo da Marea. Desde ese momento foise dando cumprida conta do mesmo.

Por sorte non hai moitos casos de rúas que precisen o cambio de nome por ter vinculacións co réxime fascista de Franco e o máis salientable é Fernández Ladreda polo que propoñíamos pasar a denominala Mª Victoria Moreno, así como o de Ernestina Otero para o vial da Universidade (previa petición á mesma) e a elaboración dunha proposta de parques, pazas e xardíns que poderían utilizar preferentemente nomes de mulleres.

A proposta do BNG recolle escrupulosamente o falado nas distintas comisións ( tres ca de hoxe) e  os plenos que se adicaron a este tema, pero os grupos da oposición están a demostrar un gran interese en entorpecer e paralizar esta iniciativa, utilizando desculpas do máis sorprendentes, como a do PSOE que a estas alturas aínda se pregunta porque a lista de nomes é a que é, cando xa lle deron seu apoio no pleno do 2015. Ou a Marea, que despois de pedir que se reactive o acordo agora argumentan que é precipitado e debe retirarse. Ou o PP coa comisión de expertos.

En definitiva, parece que os grupos políticos da oposición de Pontevedra non están en disposición de avanzar na feminización do rueiro cuestión que desde o goberno lamentamos profundamente.

Noticias de última hora en Vigo

Comentar noticia

Your email address will not be published.