Os grupos políticos de Redondela por fin terán que dar conta de onde gastan os cartos que perciben do Concello

O PSOE, o BNG e o concelleiro non adscrito negáronse a apoiar este importante avance democrático.
Publicado por o día 26/02/2019 na sección de AER,Galicia,Política,Redondela

Os grupos políticos de Redondela por fin terán que dar conta de onde gastan os cartos que perciben do Concello

A Agrupación de Electores de Redondela (AER) celebra a aprobación deste novo regulamento que obrigará aos grupos políticos do Concello de Redondela a render contas e a non financiar os seus partidos políticos. Un regulamento polo que AER leva moitos anos loitando. Despois da nosa experiencia no primeiro mandato, vendo o funcionamento dos grupos políticos municipais e vendo que a pesar de todo o que traballou, AER ía devolver ao Concello 8.000 euros das asignacións recibidas; a Agrupación propúxose varios obxectivos:

1) Reducir a contía das dotacións económicas destinadas aos grupos políticos municipais.


2) Reducir as enormes diferencias entre os grupos con maior e menor representación.

3) Establecer un regulamento para o gasto desas axudas.

Os dous primeiros obxectivos conseguíronse no pleno de organización do actual mandato. En canto ao regulamento, xa en febreiro do 2015 AER presentou unha moción, aprobada por unanimidade, para que se establecera este regulamento; pero pasaron os meses e os anos e ningún grupo político do pleno, agás AER, quixo avanzar para redactalo. Para a aprobación dos orzamentos do 2018, AER logrou que o PP aceptara facer este regulamento, totalmente supervisado polos servizos xurídicos do Concello, e incluír nas bases de execución do orzamento que os grupos políticos presentaran a súa contabilidade do 2018.

“Grupos políticos municipais” vs “partidos políticos”.

Unha cousa é a Agrupación de Electores de Redondela, como organización política formada por ducias de membros, e outra cousa é o Grupo Político Municipal AER que se compón de 4 concelleiros. Do mesmo xeito, unha cousa son os Partidos Políticos, os seus membros e gastos; e outra moi distinta, os seus correspondentes Grupos Políticos constituídos no Concello e formados unicamente polos seus concelleir@s electos que forman parte da Corporación municipal. As asignacións económicas danse aos Grupos Municipais como subvención, e como toda subvención, os cartos recibidos polas mesmas teñen que destinarse á finalidade para a que esta se outorga. No caso destas asignacións, a finalidade é cubrir as necesidades e gastos derivados do funcionamento de ditos grupos, e non cubrir os gastos dos seus partidos políticos.

Aínda que a lei obriga a cada Grupo Político a levar unha contabilidade á parte para estas asignacións, así como entran os cartos na conta do Grupo Político, a non existencia dun regulamento ben definido podía levar á picaresca de desviar os cartos á conta do partido ou agrupación sen ningún tipo de problema. É legal si, pero a AER non lle parece eticamente aceptable. De aí a necesidade dun regulamento.

Os grupos políticos deberán devolver ao Concello os cartos que non gasten.

Outro dos logros deste regulamento é que os grupos políticos municipais deberán xustificar ano a ano todos os gastos que realicen, e ao final de cada mandato, obrigatoriamente teñen que devolver os cartos que non gastaron. Outro aspecto importante da nova normativa é que estas asignacións económicas non poderán servir para pagar o aluguer dos locais necesarios para o traballo diario dos concelleiros do grupo político municipal se o Concello, tal como sucede agora, pon a disposición dos grupos políticos un local na casa do Concello. O pago das sedes permanentes dos partidos políticos nunca foi un gasto subvencionable posible con estas asignacións económicas.

Comentar noticia

Your email address will not be published.