Os homes da UVigo perciben un maior grao de igualdade na institución académica ca no resto da sociedade

As respostas dos enquisados sobre a prostitución son “ambivalentes, contraditorias e incoherentes”

A diagnose realizada pola Unidade de Igualdade sobre as actitudes e opinións respecto da violencia exercida contra as mulleres constata que os homes da comunidade universitaria perciben un maior grao de igualdade na institución académica que no resto da sociedade. Non obstante, este estudo reflicte unha serie de fortalezas e debilidades acerca da percepción da violencia de xénero entre a comunidade universitaria masculina, que é un dos aspectos centrais da análise.

O estudo, publicado co gallo do Día internacional contra a violencia de xénero, realizouse entre os homes da comunidade universitaria cunha metodoloxía mixta de enquisas e traballo de campo cualitativo grazas aos fondos do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero. O obxectivo era realizar “unha diagnose da situación da percepción que existe entre a nosa comunidade académica en relación coa violencia contra as mulleres e a prostitución, entendida esta última como unha expresión máis de violencia machista”, explica Águeda Gómez, directora da Unidade de Igualdade. Para iso optouse por centrar os estudos en estudantes, PDI e PAS masculino, xa que este colectivo é “estratéxico á hora de detectar as resistencias ante as políticas de xénero a prol da igualdade”.

Segundo a enquisa, os membros da UVigo perciben a Universidade como un espazo máis igualitario que o resto da sociedade (7,67 fronte a 5,41), o que coincide cos resultados obtidos noutros diagnósticos anteriores realizados no ano 2015 pola propia Unidade de Igualdade. Tamén consideran que a desigualdade existente na Universidade deriva, principalmente, da fenda de coidados e dos problemas de conciliación da vida familiar, persoal e laboral. Ante isto, unha ampla maioría cree necesaria unha maior formación afectivo-sexual e recoñece fortes carencias e déficits de formación neste eido (70% do alumnado, o 50% do PAS e 0 40% do PDI).

Ademais, Águeda Gómez destaca que os homes da Universidade “son capaces de identificar as situacións de acoso e de violencia contra as mulleres en xeral, pero non son tan sensibles a valorar a gravidade das novas e múltiples situacións de ciberacoso ou violencias contra as mulleres do mundo online, quitándolles importancia e gravidade as mesmas, fronte as situacións de acoso e agresións sexuais e por razón de sexo que ocorren no mundo offline nas que hai unha maior conciencia da importancia e severa problemática”.

Outro dos aspecto que analizou o estudo é a violencia de xénero e a percepción da prostitución. A maioría dos enquisados considera que a desigualdade é a orixe da violencia contra as mulleres (67,3%) “pero o seu posicionamento fronte a prostitución é ambivalente, xa que aínda que consideran que a explotación sexual é condenable e que a maioría das mulleres en prostitución fano por necesidades socioeconómicas, non condenan do mesmo xeito a ‘compra’ do sexo de pago”.

Para a realización do estudo a Unidade de Igualdade realizou 200 cuestionarios e dúas entrevistas cualitativas entre o alumando; 159 cuestionarios e un grupo de discusión entre o PDI e 18 cuestionarios e outro grupo de discusión co PAS.

O PDI é máis estrito que o alumnado

Atendendo aos datos da enquisa, obsérvase que en xeral, o “PDI é máis estrito que o alumnado respecto das situacións nas que se exerce violencia contra as mulleres”. Así, existen condutas masivamente rexeitadas, como “obrigar a prostituírse a unha muller” (98,7% entre o PDI e 98% entre o alumnado), ou “chantaxear a unha muller con difundir fotografías ou vídeos privados dela”. Outras condutas consideradas graves pola maioría dos enquisados son “bicar a unha muller contra a súa vontade”, “producir pornografía na que se abusa dunha muller”, “compartir fotografías ou vídeos privados”, “dar de forma deliberada a unha muller alcol e drogas” ou “obrigar a parella a manter relación sexuais non desexadas”.

Pola contra, existe maior tolerancia con outro tipo de condutas e algo menos da metade dos enquisados consideran “aceptable” facer “comentarios e suxestións de tipo sexual”, “pagar a unha muller por manter relación sexuais” ou “enviar correos electrónicos ou mensaxes de texto con contidos non desexados”.

Respostas paradoxais respecto da prostitución

Respecto da temática concreta da prostitución, prodúcense respostas “contraditorias ou paradoxais”, xa que por exemplo consideran que a maior violencia contra unha muller é obrigala a prostituírse pero só a metade observa como algo negativo pagar a unha muller por ter relación sexuais. Para Águeda Gómez “a prostitución produce actitudes ambivalentes, contraditorias e incoherentes entre os enquisados”. Así, detectouse un baixísimo índice de consumo de prostitución entre os enquisados (2,5% entre o alumnado e 3,8% entre o PDI), fronte do 35% da poboación masculina estatal. Pola contra, a pesar dese baixo consumo, só o 50,3% cre que pagar por manter relación sexuais pode ser considerado violencia contra as mulleres.

Respecto das razóns polas que un home acude a sexo comercial, as motivacións sinaladas oscilan entre os que consideran que é por ocio e para experimentar (64%), por comodidade (50%) ou para dominar na relación (47%). É dicir, os enquisados aluden ao feito de que os varóns consumen prostitución por razóns vinculadas ao ocio e a banalización da “compra” de emocións e ao “mito” da suposta natureza sexual dos homes.

O 50% dos enquisados considera que a solución aos problemas do fenómeno da prostitución é optar por legalizar a prostitución, aínda que hai diferenzas por idade: os máis novos non están tan de acordo como os maiores de 35 anos neste senso. “Se comparamos estes resultados coa media estatal derivada do estudo que a empresa 40dB fixo no ano 2018, podemos observar que na nosa Universidade, os homes que apoian legalizar a prostitución son o 50% fronte ao 60,4% a nivel estatal”. Respecto a medidas tales como que o estado facilite alternativas socioeconómicas as mulleres en prostitución, case a totalidade (96,2%) a considera unha boa medida fronte ao 74,8% na enquisa a nivel estatal amosan estar moi de acordo ou de acordo.

Políticas de xénero

Nun prazo relativamente breve de tempo, as demandas que proceden do feminismo foron quen de gañar presenza na rúa, nas universidades e, en xeral, en toda a sociedade, forzando aos actores sociopolíticos a definirse e a reaccionar. Neste senso, a universidade debe asumir este reto e responder a esta demanda social, tamén instalada entre o colectivo masculino, e como apuntan os resultados deste estudo, dar resposta as demandas formativas no ámbito socioemocional, ademais de favorecer con políticas de igualdade de xénero a consecución dunha igualdade real e efectiva e convidar á reflexión en torno ao fenómeno da prostitución entendida como violencia de xénero. Así, avanza Águeda Gómez, a través do Itinerario Formativo Virtual en Xénero tratarase de dar resposta a estas demandas con tres cursos xa ofertados en edicións anteriores e catro novos nos que se abordará o acoso sexual, a perspectiva de xénero na educación, a educación afectivo-sexual, a pornografía mainstream, a prostitución, as novas masculinidades ou o amor no século XXI.

Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.

SIGUENOS EN TELEGRAM