Os hospitais do Complexo Hospitalario Universitario de Vigo bate o seu récord de ingresos hospitalarios

Os hospitais vigueses superaron por primeira vez desde que se contabiliza a serie histórica os 43.600 ingresos
Publicado por o día 01/03/2019 na sección de Galicia,Sanidad,Vigo

Os hospitais do Complexo Hospitalario Universitario de Vigo bate o seu récord de ingresos hospitalarios

Os hospitais do Complexo Hospitalario Universitario de Vigo (CHUVI) acadaron o seu récord de ingresos durante o pasado ano, en que chegaron, por primeira vez desde que se contabiliza a serie histórica, aos 43.606 anuais- 35.919 Álvaro Cunqueiro e 8.287 no Meixoeiro-. Esta cifra supuxo un incremento de 710 pacientes máis con respecto ao ano 2017.

Ao comparar os datos de hospitalización coa poboación que reside na área sanitaria de Vigo, pódese afirmar que aproximadamente un de cada 10 habitantes estivo hospitalizado nalgún dos centros do CHUVI durante 2018.

Pese ao importante incremento do número de ingresos rexistrouse un considerable descenso na estancia media dos pacientes ingresados no hospital. Isto é, o número de días que cada paciente estivo hospitalizado, situouse nunha media de 7,31 xornadas, unha cifra que é a máis baixa dos últimos 7 anos e que dá unha idea da capacidade de resolución dos distintos servizos hospitalarios do CHUVI, así como do seu elevado nivel de actividade.

Servizos

O maior número de ingresos produciuse nos cinco primeiros meses do ano, cunha media mensual de 3.800 hospitalizacións. Descendeu nos meses seguintes para repuntar a partir de outubro, manténdose no último trimestre entre 3.500 e 3.600 pacientes ingresados por mes.

O servizo hospitalario que máis ingresos rexistrou o pasado ano foi o de Medicina Interna, con 7.838 pacientes, un 18% do total. O segundo con máis hospitalizacións foi Obstetricia, con 4.768 (11% do total). E en terceiro lugar, Pediatría con 3.780, o que supón un 8,6% do total.

Por encima dos 3.000 ingresos anuais situáronse tamén os servizos de Cirurxía Xeral e de Traumatoloxía.

Mentres, Cardioloxía e Uroloxía excederon os 2.000 pacientes hospitalizados no último ano. E por encima dos 1.000 ingresos estiveron os servizos de Dixestivo, Pneumoloxía, Neuroloxía, Otorrinolaringoloxía e Xinecoloxía.

Estas cifras supoñen que 12 servizos hospitalarios do CHUVI estiveron por encima do milleiro de pacientes ingresados o ano pasado.

Coidados Críticos

As tres Unidades de Coidados Intensivos (Pediátrica, Neonatal e de Adultos) tamén experimentaron un importante número de ingresos, alcanzado a cifra de 2.526 pacientes.

A UCI Pediátrica consolídase como a que máis pacientes tivo, 1.036. O pasado ano foi o segundo no que se rexistraron máis ingresos graves pediátricos que de adultos. De feito, en 2018 entraron na UCI de Adultos 988 persoas.

En canto á UCI Neonatal mantivo o aumento sostido do número de pacientes ingresados que se experimentou desde a apertura do Hospital Álvaro Cunqueiro, con 502 ingresos de bebés.

Comentar noticia

Your email address will not be published.