Os lectores galegos xa poden descifrar adiviñas medievais anglosaxoas na súa propia lingua

A obra contén 96 poemas cun humor non moi afastado do actual

Os enigmas anglosaxóns escritos na Idade Media teñen influído en numerosas obras da literatura universal, polo que aínda é factible atopar as súas pegadas en crebacabezas, xogos de palabras, incógnitas infantís e ata historias contemporáneas de detectives. O único exemplar que conserva este tipo de textos en inglés antigo é o Exeter Book, un manuscrito con cerca de 100 poemas breves que, mediante pistas e descricións misteriosas, desafían ao receptor a identificar conceptos, animais, procesos e obxectos.

Jorge Luis Bueno, profesor do Departamento de Literatura Inglesa, Francesa e Alemá e director do Servizo de Publicacións da UVigo, acaba de lanzar unha versión galega dos enigmas deste códice: Adiviñas medievais do Libro de Exeter. Nesta obra, rematada no período de confinamento e publicada pola primeira editorial especializada en traducións ao galego, Rinoceronte, Bueno é o encargado da tradución, o prólogo e as notas explicativas.

Un dos códices ingleses máis importantes

Exeter Book ou Codex Exoniensis é un códice que data do século X, homoxéneo na súa redacción pero moi variado en canto á temática, característica que o diferencia doutros manuscritos anglosaxóns similares. Bueno pensa que a súa natureza lúdica e didáctica demostra que foi determinante para a adquisición de coñecemento e entende que as poesías tiveron que transmitirse necesariamente de forma oral antes da súa escritura.

Entre os grupos conceptuais destes riddles medievais xorden referencias a conflitos bélicos, armas, instrumentos musicais, cuestións monásticas, obxectos cotiáns e elementos naturais, mais o docente subliña as particularidades dunha serie de enigmas que, xogando con recursos lingüísticos, mesturan o humorístico co sexual para “provocar o sorriso do lector” e xerar varias hipóteses, unha máis inocente e outra máis obscena. Igualmente, sinala que esta exposición implícita do sexual nas adiviñas do Exeter Book serviu como “antecedente de moitas formas de humor contemporáneo”.

O reto de verter ao galego adiviñas sen solución explícita

Ademais do dobre sentido sexual, un dos trazos máis interesantes destes problemas enigmáticos é que non ofrecen directamente unha solución a ningunha das preguntas expresadas, orixinando situacións de grande ambigüidade e unha esencia críptica que converte o Exeter Book nun volume estudado constantemente polos investigadores. Jorge Luis Bueno explica que tivo en conta esta realidade á hora de traducir os orixinais, decidindo presentar as posibles solucións nun apartado final, “para non estragarlle ao lector a sorpresa”.

Arredor do proceso de tradución, Bueno declara que tentou compoñer un verso en galego que tivese certa flexibilidade estrutural, que respectase o padrón rítmico inicial e que contase cunha linguaxe distante das explicacións prosaicas. O tradutor cre que “para un especialista en lingua e cultura inglesa, estes textos son sempre un reto pola ponte que se debe tender entre lectores de dúas linguas lonxe no tempo e no espazo”, aínda que pensa que tanto as notas humorísticas coma os temas do códice están bastante preto dos intereses actuais.

De feito, esta versión galega vén introducida por unha cita de J R R Tolkien, de modo que Bueno emprega unha historia relativamente recente para apuntalar o seu argumento e recordar que o Codex Exoniensis “nos fala moi de cerca”. Observa tamén un vínculo importante coa cultura galega, posto que “compartimos unha simboloxía poética semellante no tratamento do mar” e a colección inglesa abrangue, entre outros asuntos, “textos sobre os percebes, as ostras e a gaita como instrumento musical”.

Unha tradución concluída no confinamento

No limiar das Adiviñas medievais do Libro de Exeter, Jorge Luis Bueno alude á pandemia da covid-19 e relata que rematou as tarefas de tradución durante o confinamento de marzo. Este proceso de traballo mantivo, confesa, a súa cabeza “coa serenidade debida mentres atendía como podía ao alumnado nesa cousa arrepiante que chaman ensino virtual”. Así mesmo, nas páxinas introdutorias comenta que poucas veces un tradutor ten un instante revelador tan claro cun texto seu, pois foi ao contemplar o códice orixinal nunha exposición da Biblioteca Británica cando resolveu que estas preguntas enxeñosas “tiñan que ser vertidas ao galego”.

Pero esta non é a primeira ocasión na que o docente da Facultade de Filoloxía e Tradución traballa neste tipo de proxectos, xa que compaxina este labor coa impartición de conferencias e cursos no ámbito universitario e coa investigación e publicación de artigos e libros sobre literatura inglesa e estudos cinematográficos.

A proposta de verter ao galego o Libro de Exeter foi acollida con grande entusiasmo na editorial, xa que as traducións de Beowulf Sir Gawain and the Green Knight tiveron moi bo recibimento, tanto que con elas Bueno acadou en 2011 e 2014 o Premio Nacional da Asociación Española de Estudos Anglo-Americanos, AEDEAN, un galardón que recoñece a mellor tradución do inglés ás linguas oficiais do Estado.

Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.

SIGUENOS EN TELEGRAM

Comentarios (0)
Publicar comentario