Os ‘LOMBOS’ do plan móvese da deputación chegan a Soutomaior

O deputado de Mobilidade Uxío Benítez indicou que a empresa Acciona está a realizar as obras dunha ducia de elementos de calmado de tráfico en tres estradas provinciais
Publicado por o día 11/08/2017 na sección de Deputación de Pontevedra

Os ‘LOMBOS’ do plan móvese da deputación chegan a Soutomaior

O departamento de Mobilidade da Deputación de Pontevedra está a executar a instalación dunha ducia de pasos de peóns sobreelevados e redutores físicos de velocidade para calmar o tráfico en tres estradas provinciais que pasan polo termo municipal do Concello de Soutomaior. Estes elementos foran solicitados polo goberno local ao abeiro do Plan de Mobilidade e Velocidade Segura (MÓVESE).

Os traballos iniciáronse da man da construtora Acciona, responsable dos concellos da área de Vigo, hai xa varios días coas obras de albañilería, adaptando as beirarrúas á altura dos pasos de peóns sobreelevados. Continuarán co aglomerado e co pintado horizontal e instalación de sinalización vertical dos pasos de peóns sobreleevados (PPS) que, como novidade, levan unha lenda de advertencia aos peóns na primeira banda do paso de cebra: ‘Atención. Mirar Esquerda-Dereita’. Tamén se instalarán captafaros reflectantes para dar visibilidade aos redutores, traballos que se realizarán tan pronto como sexan subministrados pola empresa adxudicataria.

Os lombos colocáronse, a petición da Alcaldía, en diferentes puntos de tres estradas provinciais. Na estrada EP-2908 Arcade-Amoedo instalaranse catro PPS con diferentes largos (entre 7 e 9 metros) en espazos onde hai beirarrúas únicas e dobres no núcleo urbano. En concreto, haberá ‘lombos’ nos puntos quilométricos 1+900, 2+000, 4+900 e 5+100. Tamén se instalará un redutor no punto 1+250.

Por outra banda, na estrada provincial EP-2909 Arcade-Viso haberá outros catro ‘lombos’  (de entre 6 e 8 metros de largo) nos puntos quilométricos 0+200, 0+400, 0+600 e 2+400, acompañado dun redutor de velocidade de 6 metros de largo no PQ 0+900. Así mesmo, na estrada compartida con Redondela (mais dentro do termo municipal), Soutomaior tamén disporá de dous redutores físicos de velocidade de vehículos nos puntos 3+150 e 3+450, ambos cun largo de 9 metros.

O deputado Benítez indicou que o Plan Móvese pretende resolver o problema da violencia viaria do único xeito posible e efectivo, que é rebaixar a velocidade ata conseguir os mínimos danos para as persoas cando hai un impacto cun coche. O nacionalista lembrou que as actuacións do Plan Móvese para as estradas de titularidade provincial fixéronse despois das solicitudes dos concellos de toda a provincia, a raíz das que o departamento de Mobilidade executará preto de 600 elementos logo de recibir máis dun milleiro de peticións.

Segundo indicou Benítez, dado o éxito da primeira fase do Plan  Móvese que está en execución e da grande solicitude de redutores de velocidade por parte de alcaldes da provincia para outros puntos da rede viaria provincial e incluso municipal, estase traballando xa na apertura dunha nova quenda de solicitudes, cuxas obras poderán chegar ás estradas provinciais o ano próximo.