Os maiores mosenses aprenderon a comer e mercar san

A actividade “Visita o teu súper” centrouse hoxe na importancia de manter hábitos de vida saudables durante a terceira idade
Publicado por o día 18/10/2017 na sección de Alimentación,Galicia,Mos

Os maiores mosenses aprenderon a comer e mercar san

Hoxe realizouse a actividade “Visita o teu súper” para a terceira idade no Eroski de Sanguiñeda. Durante a iniciativa, organizada pola concellería de Participación Cidadá, os maiores participantes estiveron acompañados pola edil mosense responsable do devandito departamento municipal, Julia Loureiro.

“Dado que o envellecemento é un proceso evolutivo natural do ser humano, e que cada persoa experimenta con diferente intensidade, manter unha alimentación equilibrada e sá require de practicar  hábitos de alimentación saudable  durante todo o ciclo vital da persoa,  sendo fundamental coidalos nesta etapa da vida”, como explicaba esta mañá a concelleira Loureiro.

E é que os factores dietéticos inflúen na aparición de enfermidades, no estado de ánimo, na actitude diaria, no dinamismo, e o descanso. Por iso desde a concellería de Participación Cidadá, e dando continuidade ó Programa Pro Hábitos Saudables deste departamento, decidiuse por en marcha esta sesión para falar sobre os hábitos alimenticios máis adecuados na etapa da idade adulta. Esta actividade dinámica e breve, busca lembrarlle ás persoas asistentes a importancia de manter no día a día unha alimentación equilibrada, facendo fincapé nos produtos frescos na cesta da compra.

Os obxectivos fundamentais desta iniciativa son promover hábitos alimentarios para unha vida saudable, ofrecer información adecuada sobre alimentación, e proporcionar coñecementos sobre os diferentes produtos que se poden adquirir nun supermercado para saber como levar a cabo unha  cesta da compra eficaz en base ás necesidades persoais na idade adulta.

Esta actividade estivo destinada preferentemente a todas as persoas empadroadas no Concello de Mos maiores de 65 anos, ou pensionistas maiores de 55 anos interesadas en coñecer información acerca dos hábitos alimenticios saudables e a compra eficaz.

A sesión estivo dividida en dúas fases: a primeira, consistiu nunha charla breve de 20 minutos onde se informou dos servizos que ofrece a cadea de supermercados Eroski. Repasáronse conceptos básicos sobre alimentación e hábitos saudables, e presentouse a liña de produtos Sania; a segunda, consistiu nun percorrido polo supermercado, pasando polas principais seccións, facendo fincapé nas de produtos frescos. Todos e todas as participantes recibiron como mostra de agradecemento pola súa visita un lote de produtos de marca Sania.