Os motores volverán ruxir os días 8 e 9 de agosto na V Subida a Ponte Ponte Caldelas

O Concello de Ponte Caldelas patrocina aos dez pilotos locais e paga a súa cuota de inscrición desta proba do campionato galego de montaña: 275 euros
Publicado por o día 27/01/2020 na sección de Galicia,Ponte Caldelas

Os motores volverán ruxir os días 8 e 9 de agosto na V Subida a Ponte Ponte Caldelas

Un ano máis os motores volverán a ruxir en Ponte Caldelas no mes de agosto. Será os días 8 e 9 na V Subida a Ponte Caldelas, que repetirá o circuito do ano pasado, con saída da estrada autonómica PO-244 (sentido Soutomaior) e epicentro en Rebordelo. Este trazado xa formara parte do Rally do Albariño e do Rally das Rías Baixas anos atrás e foi todo un éxito na edición do ano pasado, onde se deron cita miles de seguidores do mundo do motor de toda Galicia.

Ao igual que o ano pasado, a organización do evento parte do Concello de Ponte Caldelas e conta coa profesionalidade e o bo facer da Escudería Buxa Motor de Poio. De novo, o Concello de Ponte Caldelas patrocinará aos dez pilotos locais e pagará a súa cuota de inscrición na V Subida a Ponte Caldelas, unha proba que forma parte do campionato galego de montaña “e que se está consolidando como unha das mellores de Galicia”, destacou Andrés Díaz, alcalde de Ponte Caldelas, na reunión mantida esta mesma mañá coa presidenta de Buxa Motor, Noemí Blas, e algúns dos pilotos de Ponte Caldelas. Esta subida é das que conta cun maior número de participantes, pois na edición de 2019 foron 84 pilotos os que se inscribiron para a proba e este ano espérase superar esta cifra.

A Subida a Ponte Caldelas é, ademais dunha importante proba do mundo do motor, un elemento dinamizador do municipio. Durante a fin de semana, Ponte Caldelas está chea de xente: tanto pilotos, equipos, familiares e, sobre todo, afeccionados ao mundo do motor que non queren perder unha das citas máis importantes da comunidade galega. Hotel, bares, restaurantes e comerciantes énchense neses días e compénsase así a inversión que supón para o Concello organizar esta competición deportiva.

O parque cerrado volverá situarse na Praza de España, onde veciños e visitantes poderán contemplar os espectaculares vehículos que participan na proba e onde os dez pilotos locais terán un espazo reservado a carón da Fonte Luminosa de Ponte Caldelas.

Comentar noticia

Your email address will not be published.