“Os mundos de Carlos Casares” inicia en Vigo o seu percorrido pola provincia

A mostra, que conta con apoio da Deputación de Pontevedra, poderá verse na Casa das Artes da cidade olívica entre o 27 de setembro e o 5 de novembro.
Por o 26/09/2017 | Sección: Cultura,Deputación de Pontevedra,Galicia,Vigo
“Os mundos de Carlos Casares” inicia en Vigo o seu percorrido pola provincia
Compartir en:

“Carlos Casares marcou unha época que xerou moi novo lector para a literatura en galego, e que, despois xerou moito novo escritor e nova escritora, en parte debido, tamén, ao seu labor no ensino” sinalaba o deputado de Cultura e Lingua, Xosé Leal, na presentación da mostra “Os mundos de Carlos Casares” esta mañá en Vigo. Esta exposición, que abrirá as súas portas o vindeiro mércores na Casa das Artes na cidade olívica, chegará posteriormente ao Museo de Pontevedra para amosar a vida e a obra do autor homenaxeado coas Letras Galegas 2017 na provincia de Pontevedra. Na presentación tamén estiveron presentes a comisaria da mostra, Chus Martínez Domínguez, o comisario e secretario da Fundación Carlos Casares, Gustavo Adolfo Garrido, o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, o administrador da Fundación Carlos Casares e fillo do autor, Hakan Casares Berg, e o alcalde da localidade, Abel Caballero.

A Deputación de Pontevedra é unha das institucións que colabora para facer posible esta exposición coa que, en palabras de Xosé Leal “poderemos coñecer mundos que van moito máis aló da literatura en si”. O deputado nacionalista puxo en valor non só a traxectoria de Carlos Casares na literatura e no ensino, senón tamén na súa faceta como colaborador en prensa. “Foi un autor que xerou moitas sinerxías co lectorado mozo, co lectorado adulto, como tradutor dunha obra universal como O principiño, e como articulista na prensa, o que dá idea de que era unha persoa que xeraba expectativa en todos os eidos que tocaba” engadiu Leal.

A mostra está formada por paneis explicativos, materiais audiovisuais, obxectos persoais, imaxes inéditas e documentos históricos que lle permiten ao visitante facer un percorrido pola obra, a vida e o tempo do autor. A proposta expositiva propón un achegamento ao universo vital e literario de Carlos Casares, a través dunha sucesión de cinco territorios simbólicos: Paisaxes, Luzadas, A Viaxe, Conviña… e O Redondel, que van explicando as cuestións fundamentais da súa vida, da súa produción literaria e do seu compromiso co país e coas súas xentes. “O que fixemos foi un traballo de interpretación da vida, da forma de ser, e da visión da literatura, que era moi transparente, que tiña Carlos Casares” sinalou Gustavo Adolfo Garrido. O comisario explicou , ademais, que “utilizamos as maletas que compoñen a montaxe como un símbolo de tránsito entre as diferentes etapas”. Unha idea na que tamén incidiu Hakan Casares ao asegurar que a mostra “non só ilustra a traxectoria de meu pai, senón que dá conta do tempo no que lle tocou vivir e dun lugar, que é Galicia”. Hakan Casares manifestou o desexo de que a “exposición esperte algo de interese pola literatura sobre todo entre a xente nova, que lean algo, e que lean en galego, porque eu creo que iso sería o que a meu pai lle gustaría, e se aínda por riba acabaran escribindo e en galego, seguro que lle gustaría aínda máis”.

Pola súa banda, o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, aproveitou para poñer en valor o legado do autor ao que cualificou como “un gran novelista”, e sinalou que “a súa riqueza ía máis aló da literatura, tamén estaba noutros xéneros como o xornalístico ou na curiosidade que sentía polas novas tecnoloxías do momento”. Mentres, o alcalde da cidade, Abel Caballero asegurou que a mostra que abrirá as portas o vindeiro mércores é “unha exposición singular, porque Carlos Casares era unha persoa difícil de amosar, que incorporaba ao seu hábitat intelectual a súa forma de ver a sociedade”.

“Os mundos de Carlos Casares” permanecerá na Casa das Artes de Vigo entre o 27 de setembro e o 5 de novembro. Posteriormente poderá visitarse no claustro do Edificio Sarmiento do Museo de Pontevedra entre o 8 e o 26 de novembro.