Os nenos e nenas do Cunqueiro irán ao quirófano en descapotable

Esta mañá os pequenos hospitalizados probaron os tres vehículos eléctricos teledirixidos doados pola cafetaría Apetéceme
Por o 20/02/2019 | Sección: Galicia,Sanidad,Vigo
Os nenos e nenas do Cunqueiro irán ao quirófano en descapotable

Os nenos e nenas ingresados no Hospital Álvaro Cunqueiro poderán acudir a partir de agora á súa cita cirúrxica ou á realización de probas diagnósticas no seu propio vehículo eléctrico.

Esta mañá, os corredores da área pediátrica do Cunqueiro convertéronse en pistas do circuíto do Jarama xa que os pequenos hospitalizados puideron probar os tres coches teledirixidos, doados pola Cafetaría Apetéceme ao Hospital.

Na entrega dos coches estiveron presentes o xerente da EOXI de Vigo, Félix Rubial; a directora de marketing de Apetéceme, Vanessa Ventosinos e persoal dos equipos do servizo de Pediatría e da Unidade Cirurxía Maior Ambulatoria pediátrica (UCMA). Os coches -modelo Mercedes- levan un control remoto para os adultos con dúas velocidades. Contan cun completo equipamento, luces, claxon, mp3 e música.

Dous dos coches irán destinados á UCMA pediátrica. Deste xeito, preténdese o traslado dos nenos e nenas hospitalizados ata o quirófano nestes descapotables teledirixidos, coa fin de reducir a ansiedade dos menores antes de entrar na sala de operacións. O outro vehículo irá destinado ao servizo de Pediatría para o traslado dos menores a realizar probas diagnósticas durante o seu ingreso hospitalario.

Humanización dos coidados pediátricos

O proxecto dos coches eléctricos terapéuticos enmárcase no Plan estratéxico da área sanitaria de Vigo, cuxo obxectivo prioritario é a humanización da asistencia, fundamentalmente na área
dos coidados pediátricos.

O uso dos coches teledirixidos de xoguete dentro das instalacións do hospital polos pacientes pediátricos é terapéutico, xa que contribúen a facerlles máis doada e menos traumática a estadía
hospitalaria, a asistencia a probas diagnósticas ou o seu paso polo quirófano.

Ademais de aportar tranquilidade ao menor, procura unha mellor colaboración co persoal sanitario no seguimento das pautas do seu tratamento e, como consecuencia, proporciona unha maior efectividade na súa asistencia clínica.

Anualmente ingresan no servizo de Pediatría do Cunqueiro 4100 nenos e nenas. Un total de 1300 pasan polos seus quirófanos, dos que 700 son intervidos de xeito ambulatorio, sen ingreso hospitalario.

 

Comentar noticia

Your email address will not be published.