Os Ninguéns critica o uso dos remanentes municipais pola falta de política social

Publicado por o día 13/11/2020 na sección de Galicia,Os Ninguéns,Social,Vigo

Os Ninguéns critica o uso dos remanentes municipais pola falta de política social

O foro socioeducativo Os Ninguén, remitiu o seguinte escrito o alcalde de Vigo, Abel Caballero:

É moi preocupante que desde Benestar municipal se nos recrimine que cando nos achegamos ao concello con persoas empobrecidas ou damos testimonios públicos estamos a facer “efecto chamada”, cando son vostedes quenes anuncian intervencións económicas sin límite, atención de urxencias 24 horas ao día, etc, promocionando estas ideas nos medios locais onde teñen unha presencia rotunda. Iso é o que atrae ás persoas a demandar actuacións municipais sociais: a promoción que se fai deste eido dende o propio concello, e non as organizacións que traballamos coas afectadas.

Ao fío desta reflexión queremos mostrar a nosa sorpresa e desagrado polo aprobado no pleno extraordinario de onte; cando públicamente manifesta constantemente unha falta de límite en orzamento social, ao mesmo tempo onte lexitima a inversión de 33 millóns de euros dos cartos non executados ou remanentes en obra pública.

Coa problemática social existente, todas as forzas asociativas desbordadas polas xestións de despexos, pobreza enerxética, problemas de desabastecemento alimentario, amáis os novos empobrecidos procedentes da crise sanitaria, parécenos indignante que non se escoitara á oposición en tanto en canto propuñan unha repartición proporcional deste remanente noutros eidos que non sexan de novo, a obra pública, a cal non poder ser prioridade nun momento extraordinario no que as veciñas da cidade atópanse especialmente orfas de redes de seguridade e precisan apoio económico directo e inmediato.

Fala o seu partido de que foi unha decisión baseada en pensar “na cidade do futuro”: pedimos que se pense no presente, e na situación desesperada de miles de familias que precisan máis que nunca a primeira porta do cidadán, a municipal, ao seu carón, e non poden esperar: precisan pan, luz e teito.

Cando vostedes falan de humanizacións mediante obras públicas (algunhas de dudosa urxencia social), queremos matizar que humanizar tamén é mirar ao interior dos nosos edificios, onde hai familias que están pasando penurias, agravadas pola crise sanitaria.

Estamos sufrindo como nunca: teña a altura política de escoitar as necesidades veciñais e adaptarse ao que está acontecendo en Vigo, escoite o que precisan todas esas persoas que o votaron para que os defendese, e tamén ás que non.

Esta crítica da xestión da política de apoio á veciñanza empobrecida da nosa cidade, a facemos coa intención de petar na súa alcaldía para acadar unha reflexión constructiva e colectiva.