Os Ninguéns e a RSP esixen solucións en Benestar Social á Xunta e Concello de Vigo

Publicado por o día 03/09/2017 na sección de Galicia,Os Ninguéns,RSP,Social,Vigo

Os Ninguéns e a RSP esixen solucións en Benestar Social á Xunta e Concello de Vigo
Sobre as recentes declaracións do alcalde de Vigo Abel Caballero, presumindo do investimento do goberno municipal en benestar social, así como do albergue municipal, dicir que nos chama a atención que mostre fachenda dun servizo colapsado, como o de benestar, que aglutina a protesta unánime do persoal de traballadoras, que están cansadas de repetir que son insuficientes, que superan amplamente o ratio legal de atención ao cidadán, tendo moitas delas episodios de baixas psicolóxicas por non soportar a alta presión e carga de traballo, e en definitiva, é un feito que o servizo non está ben dotado e necesita dun equipo amplo e multidisciplinar, que conte con traballadores, educadores, psicólogos, que fagan un seguimento de calidade e que manteñan as axudas sociais ao día e non cos escandalosos atrasos actuais de dous meses para recibir unha cita, das demoras para obter unha visita domiciliaria, da desesperante espera dun semestre para recibir unha RISGA, que deixan ás persoas en situación de emerxencia social sen rede de seguridade: nisto tivo moito que ver a xestión deficiente das contratacións, oposicións e traballadores interinos por parte do goberno municipal, que debe usar os seus recursos da mellor maneira para aumentar o seu equipo, aínda tendo que loitar cos límites que lle marca a problemática da conxelación nas plantillas do sector, o certo é que non se buscaron solucións e o problema se desoe, sen tratarse coa urxencia que merece. Tamén se nega o alcalde de maneira moi prepotente a recibir aos colectivos que traballamos a pé de rúa con estas persoas para escoitar as nosas (e as de outros) propostas de mellora.
Non é un matiz a olvidar tampouco que a xestión de Benestar é compartida coa Xunta de Galicia e polo tanto ambas administracións teñen que deixar de lado a guerra partidista e centrarse en subsanar, traballando xuntas e coordinadas, as deficiencias do servicio, deixando de culparse uns aos outros do colapso e actuando por fin, polo ben de todas, con responsabilidade política e social.
Sobre o albergue, efectivamente no seu día foi moi boa noticia que Vigo contase por fin cun albergue municipal, e é innegable que a súa apertura salvou vidas, pero ante a xactancia do alcalde sobre o mesmo matizar que en primeiro lugar, foi a enorme presión social ante as gravísimas cifras de mortes de senteito na cidade o que obrigou á súa apertura, en segundo lugar, dos proxectos barallados como centros de inclusión acabouse escollendo o máis simple e humilde, o que se materializa en que aínda que na porta haxa un cartel que reza “centro de inclusión”, o albergue a día de hoxe é unha casa de transeúntes, que non dá estabilidade nin unha permanencia adecuada aos usuarios, que deben abandonar o mesmo aos dez días e buscarse outro lugar, o cal non permite unha mellora solvente da súa situación. Igualmente, as prazas dispoñibles son moi inferiores ao número de persoas da cidade que están nunha situación de senfogarismo, e hai outras deficiencias en canto a número de lavadoras, secadoras, e en xeral en canto a un proxecto que non está completoe por tanto non consegue unha inclusión real das persoas da rúa, senón que funciona como simple punto de pernocta, aínda que agora se esté tentando crear un pequeno espazo de estancia diaria, despois de varios anos nos que os usuarios tiveron que vagar durante o día abandoados á súa sorte ata a hora de entrada.
 
En definitiva, o albergue é un recurso positivo, que hai que coidar e mellorar, pero presenta necesidades urxentes a emendar, e desde logo resulta rechamante que o alcalde se arrogue a súa apertura como un triunfo político tendo en conta as circunstancias alleas que foron as que o levaron á apertura do mesmo, e sen esquecer que baixo o seu mandato pechouse o programa máis importante de atención aos senteito da cidade, Sereos de Casco Vello, que tiña uns resultados de reinserción óptimos e que a pesar das diferentes promesas de reapertura quedou como un proxecto descartado para sempre, sendo infraatendidos os usuarios nunha furgoneta relegada a zona industrial, nun acto de aporofobia e expulsión dos empobrecidos do centro da cidade por cuestións nada relacionadas co benestar social.Hai que recordar tamén que non existe un censo de persoas sen teito co que se poida traballar para ter atendidas e cubertas ás persoas  nesta situación.
Pedimos ao alcalde polo tanto que reflexione sobre os seus pronunciamentos públicos respecto deste tipo de políticas, e sobre a propaganda constante de prosperidade social viguesa que esconde por intereses electorais a unha poboación oculta e deliberadamente ocultada, e que deixe de invisibilizar de ignorar aos afectados e colectivos que traballamos con eles.
Pedimos á Xunta, por outra banda, que amáis de facer evidente as carencias do servizo, que as tén, e son reais, se sente a traballar co goberno municipal para mudar de maneira conxunta o funcionamento do mesmo, nun momento de emerxencia social tan dramático debe ter a altura política de presionar e cooperar co concello para que as necesidades básicas sexan cubertas, por enriba de calquera outro interese interno.
Por unha cidade máis xusta.