Os Ninguéns, sobre a recente morte da persoa finada nun choupano abandonado de Vigo

Publicado por o día 29/03/2019 na sección de Galicia,Os Ninguéns,Social,Vigo

Os Ninguéns, sobre a recente morte da persoa finada nun choupano abandonado de Vigo

Ante a dramática morte do compañeiro Constante, que malvivía en situación de senfogarismo e apareceu finado onte nun edificio abandoado na rúa Llorente, choupano en situación de ruina total, altamente perigoso, incompatible coa vida humana, queremos sinalar que Constante era unha persoa enferma, aqueixada dunha minusvalía, e estaba tan abandoado como o propio edificio. Se a morte foi dramática, a súa vida foi tamén moi dura, ao sobrevivir na pobreza máis severa, que acabouno levando a esta morte tan prematura.

Os recursos institucionais de loita contra o empobrecemento desta cidade son claramente insuficientes. O albergue municipal, un dispositivo valioso, non da resposta, coas súas poucas prazas,escaso tempo de estancia e as outras carencias que vimos denunciando, ás necesidades destas persoas, polo que consideramos moi urxente a súa reforma.

Non podemos permitir que sigamos sen ter ningún plan municipal e/ou autonómico de vivendas sociais en réximen de aluguer para dar saída habitacional ás persoas que non poden acceder a unha casa doutro xeito.

Estamos seguras de que se a nosa veciñanza coñecese por dentro a realidade dese choupano, inseguro e ruinoso, lamentaría profundamente que alguén se vese obrigado a pernoctar nesas condicións de insalubridade extrema.

En recordo de Constante faremos un pequeno acto, o mércores día 3 de abril de 2019, ás 18:30 da tarde na Praza da Constitución, que se rematará cun minuto de silencio e acodindo a esta porta a deixar un recordo floral con todo o cariño e tristura.