Os operadores pequenos de telefonía gañan aos grandes en satisfacción de usuarios segundo unha enquisa de OCU

As compañías rexionais e as máis pequenas son as que máis satisfacción prestan aos seus clientes por encima dos grandes operadores en telefonía fixa, móbil e internet
Publicado por o día 12/02/2019 na sección de OCU,Social,Telefonía

Os operadores pequenos de telefonía gañan aos grandes en satisfacción de usuarios segundo unha enquisa de  OCU

A Organización de Consumidores e Usuarios (OCU) realizou unha enquisa a 22.900 usuarios de servizos de telecomunicacións para avaliar a satisfacción respecto a 4 servizos: teléfono fixo, móbil, internet (ADSL e fibra) e televisión de pago. Os mellores resultados obtéñenos operadores pequenos e rexionais. Os resultados do estudo publícanse no número de febreiro da revista OCU-Compra Mestra.

O teléfono fixo é dos servizos analizados o que ten unha satisfacción maior. O operador galego R e PTV Telecom son os operadores mellor valorados mentres que Orange e MásMóvil son os peor valorados polos seus clientes.

No referido a telefonía móbil, os usuarios valoraron mellor en xeral o servizo de voz que o de datos. Pepephone e RACC Móbil son os operadores mellor valorados polos seus clientes. Telecable, Jazztel e Orange pola contra son os peor valorados.
A enquisa de OCU distingue dúas categorías no acceso a internet. Por unha banda, o ADSL que en liñas xerais ten unha peor valoración. Pepephone E Euskatel son os operadores mellor valorados, fronte a Orange e Movistar que se sitúan á cola. Mais satisfeitos atópanse os usuarios que acceden a internet cunha conexión de fibra. Lowi e de novo Pepephone son os operadores mellor valorados. Vodafone/ONO E Orange son os peor valorados.
Na televisión de pago, Netflix destaca claramente sobre todos os demais operadores. Rakuten TV ( Wuaki) E Jazztel ( Orange) son quen menos satisfán aos seus clientes.
OCU denuncia que as grandes compañías de telecomunicacións levan catro anos elevando o prezo dos seus paquetes máis populares. A estratexia de subida dos prezos segue un mesmo patrón, Movistar o operador principal, sobe as súas tarifas e o resto séguelle nun breve espazo de tempo. 2019 comezou de forma similar con subidas xeneralizadas nalgúns paquetes básicos, o establecemento de chamada, algunhas tarifas de fibra óptica, o prezo dos SMS ou subidas de tarifas de móbil a cambio máis gigas non solicitadas polo usuario.
Ademais, Orange cambiou a súa carteira de tarifas, aproveitando para elevar as prestacións e tamén os prezos, e o mesmo fixeron Yoigo e MásMóvil, con incrementos de ata 2 euros nalgunhas das súas tarifas máis populares, aínda que nestes últimos casos as subidas non foron impostas aos xa clientes. OCU lembra que, ante as subidas de prezos do operador, o usuario ten dereito a dar de baixa o contrato sen pagar penalización e cambiar a outro operador máis barato ou cunha mellor calidade de servizo.
A enquisa de OCU sinala que entre o 20% e o 30% dos usuarios ten pensado cambiarse de compañía nos próximos 12 meses. A porcentaxe de usuario que van cambiar de operador varía duns servizos a outros. Os servizos da internet son os que máis usuarios teñen dispostos a cambiar, un 30%, a televisión de pago pola contra é o servizo que ten uns clientes máis fieis (21%).