Os Orzamentos da Xunta para 2020, unhas contas continuístas que renuncian á modernización da economía, o emprego industrial e o reforzo do Estado do Benestar

Publicado por o día 19/10/2019 na sección de Política,PSOE

Os Orzamentos da Xunta para 2020, unhas contas continuístas que renuncian á modernización da economía, o emprego industrial e o reforzo do Estado do Benestar

O portavoz do Grupo Socialista, Xoaquín Fernández Leiceaga, criticou hoxe os Orzamentos da Xunta para 2020 por “continuístas” e que “debullan un goberno esgotado” que logo de 10 anos de axustes e recortes intenta “maquillar os efectos das súas políticas con elementos de claro tinte electoralista”. Así o dixo logo da Xunta de Portavoces que reuniu hoxe para fixar o calendario de tramitación dos Orzamentos presentados polo goberno galego.

O responsable socialista sinalou que as contas para o próximo ano “renuncian a apostar pola modernización económica e polo emprego industrial, nin reforzan as partidas dirixidas ao Estado do Benestar”. En lugar diso, dixo, optan por introducir un importante compoñente de propaganda que cualificou de “milonga” ao anunciar reducións fiscais que en realidade non cambian nada porque, explicou, carecen dun efecto sinalado sobre a recadación.

Fernández Leiceaga explicou así que o imposto de Transmisións Patrimoniais que, en lugar de baixar, en realidade incrementa a recadación prevista, mentres o de Sucesións e Doazóns mantense practicamente igual.

As modificacións si que benefician en cambio aos grandes patrimonios, cunha manobra sen efecto sobre o comportamento económico pero que si produce un “efecto social regresivo”. Así, o goberno galego exime de impostos ás herdanzas para as maiores fortunas con 3 fillos, que poderán percibir máis de un millón de euros sen pagar impostos, ou incrementa o valor da primeira vivenda exenta de tributación.

Ademais a Xunta decide “deixar o rigor orzamentario ao lado cando se acerca un ano electoral”, e abre o endebedamento ata os 68 millóns de euros, cun incremento que en cambio non se reflicte nos gastos de capital, xa que por exemplo reducirá o esforzo inversor destinado ás infraestruturas de transporte de Galicia.

Crise industrial e Estado do Benestar

O portavoz socialista censurou que en plena crise industrial derivada da descarbonización o goberno galego reduce os recursos que poderían axudar aos sectores afectados. É o caso, sinalou, do naval, os transformados metálicos ou ás comarcas máis afectadas que deberan verse apoiadas para adoptar unha economía máis sostible e ligada á biotecnoloxía ou ao desenvolvemento das TIC.

Así, o goberno galego reduce en 56 millóns de euros os gastos previstos para infraestruturas, detrae un millón de euros da Sociedade da Información e o Coñecemento, diminúe en 14 millóns de euros as partidas para promoción de solo destinado a actividades económicas, e outros 2 millóns as partidas para desenvolvemento empresarial.

Sen embargo, si que incrementa en 9 millóns as partidas destinadas ao turismo, especialmente relacionado co Xacobeo, un incremento que sen embargo é menor que os ingresos previstos por patrocinios, co que “tamén aquí cae o aporte neto previsto polo goberno galego”.

Amosou finalmente a súa preocupación por que logo de 6 anos de crecemento económico ininterrompido no Estado, a Xunta “é incapaz de facer o esforzo necesario para soster os elementos necesarios do Estado do Benestar”. Máis alá dun “pequeno esforzo” a nivel sanitario para restituír os salarios dos traballadores isto deixa descubertos os “ocos de 10 anos de recortes”.