Os orzamentos da Xunta para 2021 remataron esta mañá a súa tramitación na Comisión 3ª, co que están en disposición do seu debate en Pleno para a súa aprobación definitiva. “Son unhas contas ambiciosas, porque apuran as marxes de endebedamento permitidas, e faise o máximo esforzo para combater os efectos da pandemia sanitaria e conseguir unha Galicia máis próspera no futuro”, manifestou o portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy.
Na súa intervención, Puy manifestou que estes orzamentos “apuran as marxes de endebedamento da Comunidade galega, que é posible pola boa situación económica que presenta e o cumprimento permanente da regra de gasto, así como o autorizado pola política monetaria do Banco Europeo e a Fiscalía Europea ”.
DIFÍCIL PREVISIÓN DE INGRESOS
En contra do que se propón desde o BNG, apoiado polo PSdeG, apuntou que “non é un momento para a suba de impostos”. Neste sentido, rexeitou a proposta da oposición para subir os impostos directos sobre a renda, patrimonio, sucesións e doazóns, ademais de gravames indirectos ás grandes superficies, á rede de transporte de enerxía eléctrica, ás bebidas azucradas ou ás vivendas baleiras.
“Todo isto fano seguindo o modelo de Cataluña, que non é o máis apropiado pola fuga de empresas que está a vivir nestes momentos, e sen especificar ningún elemento técnico do tributo que permita facer as estimacións do incremento da recadación”, indicou.
Pedro Puy manifestou obxeccións a esta proposta de suba de impostos, xa que, en primeiro lugar, “é difícil facer unha previsión dos ingresos”. Tamén apuntou efectos económicos, “porque están a sacar recursos da sociedade no momento en que é preciso aportar liquidez a familias e empresas”; e efectos na recadación, derivados da posibilidade dos cidadáns para cambiar de domicilio e beneficiarse de impostos máis baixos noutras comunidades autónomas.
Por outra banda, a Comisión 3ª do Parlamento tamén aprobou esta mañá o ditame do proxecto de Lei de medidas fiscais e administrativas, co que queda pendente da súa aprobación definitiva polo Pleno.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.