Os parques naturais de Galicia súmanse á celebración do Día Mundial do Medio Ambiente ‘Sen contaminación por plástico’

A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio realiza diversas actividades na rede de parques para concienciar do uso responsable deste material e evitar os efectos nocivos que provoca no medio ambiente
Publicado por o día 05/06/2018 na sección de Medio Ambiente

Os parques naturais de Galicia súmanse á celebración do Día Mundial do Medio Ambiente ‘Sen contaminación por plástico’

A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio súmase á celebración do Día Mundial do Medio Ambiente organizando actividades para concienciar do uso responsable dos plásticos, para evitar a contaminación do medio natural.

Para conmemorar este aniversario, o lema desta edición de 2018 é Sen contaminación por plástico, que ten por obxectivo concienciar á sociedade da necesidade de rexeitar o plástico descartable, aquel que se non se pode volver a usar, darlle unha segunda vida, deberíase rexeitar. Desde a Dirección Xeral de Patrimonio Natural apostan por este tipo de accións para avanzar e trazar o camiño que leve á sociedade cara un planeta máis limpo e verde.

As actividades do día Mundial do Medio Ambiente celébranse ao longo desta semana, ata o 8 de xuño no parques naturais de Fragas do Eume, Baixa Limia e Serra do Xurés, e Serra da Enciña de Lastra e no Complexo Dunar de Corrubedo e Lagoas de Carregal e Vixán.

Concretamente, un grupo de 22 alumnos de 5º de Primaria do CEIP VITE I de Santiago foron os encargados de abrir os actos de conmemoración cunha visita ao complexo dunar de Corrubedo, onde recibiron unha charla explicativa sobre o día mundial do medio ambiente e onde realizaron unha ruta para coñecer os valores ambientais deste enclave natural.

Asemade, nas Fragas do Eume tamén estaba prevista a visita dun grupo de 38 alumnos/as do centro escolar IES Fraga Eume que íana realizar a Ruta dos Cerqueiros, pero foi anulada polas condicións meteorolóxicas. Mañá (día 6) un total de 42 alumnos do CEIP Manuel Masdias dos cursos de 5º e 6º de Primaria visitarán este parque natural, e o día 7, farano 41 alumnos do CPI Vicente Otero Valcarcel, dos cursos de 4º e 5º de infantil. Pecharán esta ronda de actividades os alumnos de 3º e 4º de primaria do Colexio San Jorge. Estes grupos farán un percorrido pola ruta que transcorre ao longo do río.

Pola contra, o Parque Natural de Baixa Limia e Serra do Xurés, será visitado por alumnos da Universidade de Vigo, do Campus de Ourense, concretamente dos cursos de Ciencias Ambientais, que realizarán a Ruta de Pitoes a Salgueiros.

Esta semana de celebración pecharase o vindeiro día 8 coa participación de membros da Asociacións Asfaval que percorrerán a Ruta por Vilar da Silva e Cobas, no Parque Natural de Serra de Enciña de Lastra.

No ano 1972 celebrouse en Estocolmo a primeira gran conferencia con cuestións relativas ao medio ambiente, baixo os auspicios de Nacións Unidas. A partir desta iniciativa, a Asemblea de Nación Unidas designa o 5 de xuño como o día Mundial do Medio Ambiente, para que se realicen actividades mundiais que reafirmen a preocupación pola protección e mellora do medio ambiente. Este tipo de efemérides axudan a concienciar á sociedade en cuestións como a redución da capa de ozono, a xestión de produtos químicos tóxicos, a desertización ou o quecemento global.