Os portos de titularidade autonómica incrementaron nun 1,4% interanual os tráficos de mercadorías ata novembro

Os portos de Cariño, Ribadeo e Cee lideran os tráficos, mentres que Burela, Celeiro e Ribeira encabezan a descarga de pesca fresca
Publicado por o día 25/12/2017 na sección de Galicia

Os portos de titularidade autonómica incrementaron nun 1,4% interanual os tráficos de mercadorías ata novembro

O volume de tráfico de mercadorías nos 122 portos de titularidade autonómica incrementouse nun 1,4% interanual a data de 30 de novembro. Así se recolle no último informe de xestión elaborado por Portos de Galicia co peche do mes pasado.

En concreto, os peiraos dependentes da Xunta de Galicia rexistraron nos primeiros 11 meses do ano un movemento de mercadorías de preto de 1,6 millóns de toneladas. Esta cifra supón en termos netos un incremento de 21.220 toneladas respecto ao mesmo período do ano anterior.

Os peiraos con maior volume de tráfico de mercadorías ata o 30 de novembro foron Cariño, con 477.000 toneladas; Ribadeo, con 438.000 toneladas; e Cee, 323.000 toneladas. Nos tres casos, o peiraos comerciais rexistraron subidas porcentuais respecto a ano anterior, do 4, o 3 e o 3,7%, respectivamente.

Respecto á descarga de pesca fresca, nos peiraos dependentes da Xunta de Galicia descargáronse ata o 30 de novembro 113.000 toneladas de peixe. Esta cifra supuxo un importe total da venda en lonxa de máis de 271 millóns de euros, un 7% máis que no mesmo período de 2016. Os peiraos con maior volume de descarga de pesca fresca foron: Ribeira, con 34.000 toneladas; Burela, con 21.000 toneladas, e Celeiro, con 16.000 toneladas.