Os «praceiros» presumen de produtos na campaña internacional «Quere o teu mercado»

O Concello difundirá unha cuartilla sobre os beneficios dos alimentos frescos e locais dos que dispón o comercio de proximidade.
Publicado por o día 24/05/2018 na sección de A Guarda,Galicia

Os «praceiros» presumen de produtos na campaña internacional «Quere o teu mercado»

A Praza de Abastos da Guarda está  participar na campaña internacional «Quere o teu Mercado», orientada á promoción e posta en valor dos mercados municipais potenciando a compra de produtos frescos e locais.

A iniciativa, promovida pola Xunta de Galicia en colaboración coa Praza de Abastos e o Concello da Guarda, desenvólvese durante esta segunda quincena de maio no espazo do mercado municipal, coa celebración de diversas actividades e a difusión de material promocional. A campaña vivirá o seu día grande o sábado 26 de maio, coincidindo coa conmemoración do Día Internacional dos Mercados, cando  as «praceiras» e os «praceiros» agasallarán á súa clientela con mandís, bolsas reutilizables, globos, contos e lambetadas.


Dentro desta campaña, o Concello da Guarda publicará unha cuartilla  na que se recollen os beneficios máis destacábeis do consumo de produtos frescos e de calidade propios do comercio de proximidade. Estes manteñen mellor os nutrientes, son máis económicos e son máis respectuosos co medio ambiente, entre outros proveitos, que se completan coa comodidade da compra no mercado local e a calidade do servizo personalizado que ofrecen. O impreso poderá recollerse en calquera dos postos da Praza de Abastos durante a próxima semana.

Completando a iniciativa, os «praceiros» e as «praceiras» participaron nun obradoiro de elaboración de elementos decorativos que embelecerán a praza durante a primavera e o verán. Paralelamente, os e as comerciantes da praza comezaron unha actividade orientada á actualización e dinamización da páxina de Facebook do mercado (Mercado A Guarda), onde a partir de agora todas e todos os seus seguidores poderán atopar información de interese sobre a praza, as súas actividades e a oferta de produtos.

Sobre «Quere o teu mercado»

«Quere o teu mercado» é o lema en galego da Campaña Internacional dos Mercados, unha iniciativa promovida pola Xunta de Galicia en colaboración cos Concellos, as Prazas de Abastos e as Federacións e Asociacións de comerciantes. Por cuarto ano consecutivo e durante a segunda quincena do mes de maio, organízanse actividades en máis de 90 mercados de Galicia, incentivando así a creación de novos negocios para a revitalización deste sector do comercio.

A campaña «Quere o teu mercado» («Love Your Local Market»), con orixe no Reino Unido, está promovido a nivel internacional pola World Union of Wholesale Markets. Nesta nova edición, a iniciativa conta coa participación dos mercados de España, Reino Unido, Francia, Alemaña, Holanda, Polonia, Italia, Irlanda, Bélxica, Grecia, Dinamarca, Suecia, Hungría, Serbia, Hong Kong, Brasil, Porugal e Estados Unidos. A campaña rematará o 26 de maio, coincidindo coa conmemoración do Día Internacional dos Mercados.