Os premios de literatura dramática Álvaro Cunqueiro, Manuel María e Barriga Verde amplían o seu prazo ata o 6 de xullo

A continuación do procedemento publícase hoxe no DOG, que esta semana tamén anunciou os novos períodos de solicitude para as subvencións a creación escénica (ata o 4 de xuño) e a producións e coproducións audiovisuais (ata o 18 de xuño)

Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a continuación do procedemento de concesión dos tres premios de literatura dramática da Xunta (XXV Álvaro Cunqueiro para textos teatrais, XI Manuel María de literatura dramática infantil e XIV Barriga Verde de textos para monicreques), así como a ampliación do seu período de presentación de orixinais ata o 6 de xullo.

Retómase así a tramitación desta convocatoria, segundo o acordo do Consello da Xunta do pasado 24 de abril para reactivar unha serie de procedementos de fomento considerados esenciais nos seus respectivos sectores e afectados pola suspensión de termos e prazos administrativos por mor do estado de alarma. Esta mesma semana o DOG anunciou, así mesmo, o proseguimento e ampliación dos prazos noutras dúas liñas de apoio xestionadas pola Consellería de Cultura e Turismo a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic): as subvencións a creación escénica ata o 4 de xuño e as dirixidas a producións e coproducións audiovisuais ata o 18 de xuño.

No caso concreto dos premios, a súa inclusión no devandito acordo de continuación responde á súa consideración de actividade de interese xeral e fundamental para o ámbito da literatura dramática contemporánea e para a lingua galega, tal e como se recolle no Plan de reactivación dos sectores cultural e turístico fronte aos efectos derivados da Covid-19.

Vixésimo quinto aniversario

Coa súa convocatoria de 2020, o Álvaro Cunqueiro conmemora ademais a súa vixésimo quinta edición aumentando a dotación económica ata 8000 euros, 2000 máis que nas anteriores entregas. Deste xeito, o que é o galardón literario máis lonxevo de todos os que se desenvolven no ámbito teatral galego converteuse tamén nun dos que contan cunha maior achega económica.

Canda el convocáronse tamén o XI Manuel María de literatura dramática infantil e as dúas modalidades do XIV Barriga Verde de textos para teatro de monicreques (infantil e adulto), con 6000 euros en cada caso, de xeito que os tres certames suman unha achega económica de 26.000 euros.

Estes galardóns, de periodicidade bienal, comparten como obxectivo servir de estímulo á creación literaria no eido dramático, así como procurar o seu maior recoñecemento e proxección social. Neste sentido, ademais das devanditas contías económicas, as bases contemplan a posibilidade de que as obras gañadoras sexan publicadas dentro das coleccións de literatura dramática que a Xunta mantén en colaboración con varias editoriais galegas.

Poden optar a eles aquelas persoas físicas maiores de idade que presenten textos teatrais inéditos, escritos en galego normativo e non representados nin premiados noutros certames. Nos tres casos, o tema e a extensión poderán ser libres, aínda que se deberá ter en conta o principio de duración normal dun espectáculo teatral. No Álvaro Cunqueiro e no Manuel María, quedarán excluídos os textos para teatro de monicreques.

Para a avaliación de todos os textos recibidos ata o 6 de xullo, preferiblemente por vía electrónica a través do portal https://sede.xunta.gal, constituirase un xurado formado por seis persoas de recoñecido prestixio no ámbito literario e escénico. Para emitir o seu ditame, valorarán aspectos relacionados coas calidades literaria e dramática, a viabilidade escénica, a adecuación a cada premio e o coidado da lingua.

Na anterior edición, os premios Álvaro Cunqueiro e Manuel María recaeron en Ás oito da tarde, cando morren as nais, de AveLina Pérez, e Somos os monstros, de Paula Carballeira, respectivamente, mentres que o Barriga Verde foi declarado deserto nas súas dúas modalidades. Ambos os textos foron publicados na colección Biblioteca Dramática Galega, que manteñen a Xunta de Galicia e Edicións Xerais, e poden adquirirse tanto na Libraría Institucional da Xunta de Galicia como en establecementos físicos.

Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.

SIGUENOS EN TELEGRAM