Os Premios Incuvi decidiranse este curso entre 24 iniciativas empresariais

Esta iniciativa acaba de sumar a colaboración do Hub de Innovación CeltaLab1923
Publicado por o día 23/11/2020 na sección de Galicia,Universidade de Vigo,Vigo

Os Premios Incuvi decidiranse este curso entre 24 iniciativas empresariais

O xurado dos premios Incuvi ao Emprendemento dedicirá as propostas gañadoras desta edición entre 24 iniciativas empresarias: 14 solicitudes optan aos premios Incuvi Emprende que acadan xa a súa novena edición e nos que se outorgarán un máximo de 12 axudas; nove solicitudes optan aos Incuvi Avanza, que van pola súa quinta edición e dos que se outorgarán catro axudas e, para a nova modalidade, Incuvi Consolida, recibiuse unha única solicitude, xa que neste caso dirixíase exclusivamente a aquelas persoas ou proxectos emprendedores que se beneficiasen dun galardón na anterior edición dos premios Incuvi Avanza, neste caso Eva López e Raquel Gómez, impulsoras da cooperativa Somos Terra.

Desde a Area de Emprego e Empredemento salientan que o número de solicitudes recibidas para optar aos premios Incuvi Emprende é similar ás últimas edicións do programa, pola contra onde si se rexistrou un aumento de solicitudes é na categoría Avanza, algo que se atribúe a que este ano se facilitou acceder non só a través da participación no programa Incuvi-Emprende, como se viña facendo ata o de agora, senón que tamén se lle deu a opción de participar a aqueles proxectos que, sen ter pasado previamente por este programa, “dispoñían dun proxecto emprendedor o suficientemente maduro como para optar a esta modalidade”, explica a directora da área, Maruxa Álvarez, ao tempo que recalca que este ano se ampliaron estas axudas, pasando de dúas a catro.

En canto á participación de estudantes de outras universidades, que era outra das grandes novidades desta edición a resposta foi aínda moi limitada, “pero xa se produciu a incorporación dalgún membro externo, polo que, aínda que timidamente, parécenos unha aposta de valor de cara ao futuro”, recalca a directora da área. “O único factor que non callou na comunidade é a participación de PAS e PDI, pero entendemos que como toda novidade quizais leve máis tempo introducirse entre estes colectivos que ata este ano non tiñan acceso a estas axudas”, recalca Álvarez.

Asesoramento, espazos propios e axudas económicas

Os 12 proxectos gañadores dos Premios Incuvi Emprende recibirán formación, asesoría e apoio na elaboración dun plan de empresa, ademais da estadía por un máximo dun ano nos espazos destinados a este fin na Cidade Universitaria, no caso de Vigo; na Tecnópole, no de Ourense, e na sede da Asociación de Novos Empresarios, no de Pontevedra. Os gañadores de Incuvi Avanza recibirán un servizo de asesoramento personalizado, unha axuda económica para subvencionar os custos relacionados coa constitución como empresa, así como tamén o seu propio espazo de traballo durante 12 meses nas instalacións do Consorcio Zona Franca en Porto do Molle, Ningrán, ou no CITI, na Tecnópole ourensá.

No caso de Incuvi Consolida a axuda inclúe, por unha banda, asesoramento en forma de mentorización ao longo dun período comprendido entre seis e dez meses -desde febreiro ata novembro de 2021- e, pola outra, unha axuda económica máxima de 500 euros para facer fronte a custes derivados da consolidación do proxecto.

O programa suma a colaboración do Hub de innovación CeltaLab1923

Xunto coa colaboración das aceleradoras de carácter sectorial especializadas nos ámbitos da automoción (BFAuto), aeronáutico e de vehículos non tripulados (BFAereo) e alimentario (BFFood) que colaboraron por primeira cos premios Incuvi-Emprende na pasada edición, este ano súmase a cooperación do ‘hub’ de Innovación CeltaLab1923 “formado por unha serie de actores que achegarán valor a todos aqueles proxectos que  busquen basar o ser desenvolvemento na transformación dixital do deporte”, explica Álvarez.

Comentar noticia

Your email address will not be published.