Os Premios Mestre Mateo do audiovisual galego volven contar coa colaboración da Xunta para a súa 16ª edición

O director da Axencia Galega das Industrias Culturais e o presidente da Academia Galega do Audiovisual asinaron hoxe un convenio para a posta en marcha do amplo programa de actividades vinculado a estes galardóns
Por o 11/01/2018 | Sección: Cultura
Os Premios Mestre Mateo do audiovisual galego volven contar coa colaboración da Xunta para a súa 16ª edición

A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) renova en 2018 o seu apoio á Academia Galega do Audiovisual (AGA) cara á organización dos Premios Mestre Mateo e dunha serie de actividades paralelas que buscan reforzar o papel destes galardóns como plataforma de proxección social da industria galega do cinema e da televisión.

Jacobo Sutil, director da Agadic, e Carlos Ares, presidente da Academia, asinaron hoxe o convenio de colaboración polo que a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria contribúe á realización de diferentes accións vinculadas á convocatoria dos Mestre Mateo, que este ano chegan á súa 16ª edición. O momento culminante será a gala de entrega das estatuíñas, prevista para inicios do vindeiro mes de marzo.

Ademais desta cerimonia, o programa de actividades complétase cos Encontros Mestre Mateo de profesionais do audiovisual con estudantes das escolas galegas de imaxe e son, as Proxeccións Mestre Mateo para promover os traballos gañadores e candidatos, os actos de lectura e xuntanza de finalistas e a colaboración con outras academias e entidades do resto do Estado para difundir as obras premiadas fóra de Galicia.

No documento subscrito hoxe, recoñécese o papel desta convocatoria á hora de lles dar unha maior visibilidade social aos traballos audiovisuais galegos estreados durante 2017. Para isto, os Premios Mestre Mateo convocan 25 categorías divididas en dúas modalidades: de produción e profesionais, ademais dos premios honoríficos Fernando Rey, José Sellier e Chano Piñeiro.

No mesmo convenio, recoñécese o labor da Academia Galega do Audiovisual como impulsora e organizadora destes galardóns, que “supoñen unha magnífica oportunidade para obter anualmente unha panorámica xeral do audiovisual galego”.

Noticias de última hora en Vigo

Comentar noticia

Your email address will not be published.