Os Premios Pontevedreses enxalzan o papel que Belas Artes xoga na cidade

Os galardóns promovidos polo Diario de Pontevedra destacan a súa contribución á dinamización cultural
Publicado por o día 14/05/2018 na sección de Universidade de Vigo

Os Premios Pontevedreses enxalzan o papel que Belas Artes xoga na cidade

A excelencia académica do centro e o papel clave que xogou na dinamización cultural da cidade foron dous dos argumentos destacados polo xurado dos XII Premios Pontevedreses para outorgar este galardón a Facultade de Belas Artes na categoría de universidade e investigación. “O seu papel como centro de referencia da arte contemporánea galega é indiscutible”, recóllese no fallo dos premios impulsados polo Diario de Pontevedra, que se entregarán o 7 de xuño nunha gala no Auditorio de Afundación. “Para nós é algo moi positivo, supón a confirmación de que estamos integrados na cidade”, sinala a decana, Silvia García.

Nacida en 1990, á vez que a propia Universidade de Vigo, a Facultade de Belas Artes iniciou a súa traxectoria no edificio da rúa Sierra que previamente albergara o Fogar Provincial para trasladarse en 1995 á súa sede actual, o antigo cuartel militar de San Fernando, na rúa Maestranza. “A nosa situación no centro de Pontevedra facilita tamén que sexamos un centro permeable e que os traballos e accións de estudantes e profesores estean presentes no día a día de Pontevedra”, engade García, quen incide en que “o tipo de estudos que se levan a cabo na facultade teñen unha gran conexión co social”. De feito no fallo publicado este venres polo xornal impulsor dos premios ponse o foco na participación do alumnado en distintos proxectos de dinamización cultural e artística, como a Sétima FeiraArtistas na Rúa ou o certame Novos Valores. “Para nós é moi positivo que os estudantes poidan mostrar os seus traballos nunha exposición anual do Pazo da Cultura”, a mostra Do final e do comezo, integrada por unha selección de traballos de fin de grao, “pero tamén que poidan vender as súas obras na Sétima Feira”, engade García, que pon o acento tanto nas accións que o propio alumnado desenvolve no espazo público como nas actividades que se promoven no centro “e que fan que a cidadanía tamén acuda á facultade”.

Cinco titulacións, máis de 600 estudantes

Ademais do grao en Belas Artes, nesta facultade impártense tamén os mestrados en Arte Contemporánea. Creación e Investigación e en Libro Ilustrado e Animación Audiovisual, así como o programa de doutoramento en Creación e Investigación en Arte Contemporánea. Belas Artes tamén sede dos Estudos Superiores de Deseño Téxtil e Moda de Galicia (Esdemga), un título propio que no presente curso iniciou a súa substitución progresiva polo novo mestrado en Deseño e Dirección Creativa en Moda. En total, máis de 660 alumnos e alumnas forman parte da comunidade deste “premio pontevedrés”, nunha categoría, a da universidade e investigación, da que García salienta tamén a importancia deste segundo aspecto. “Desde logo interésanos moito visibilizar o traballo que se fai no eido da investigación”, sinala a decana, que nese senso lembra as exposicións individuais dedicadas na Sala X a investigadores que viñan de defender a súa tese de doutoramento, xa que “un dos obxectivos é que a investigación se difunda e teña un impacto social”.

A catedrática da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte Ángeles Parrilla, o profesor do Departamento de Teoría do Sinal e Comunicacións e responsable da Agrupación Aeroespacial da institución académica, Fernando Aguado, ou a propia Universidade de Vigo en 2015, no ano do seu 25 aniversario, figuran entre os galardoados previamente nesta categoría duns premios que neste 2018 distinguen tamén á Asociación Asociación de Familiares de Enfermos de Alzhéimer de Pontevedra (Afapo), á empresa Marfrío, ao Poio Pescamar Fútbol Sala, á poeta e crítica literaria Beatriz Hernánz Angulo e ao director do Museo de Pontevedra, Carlos Valle, co premio de honra.

O xurado destes galardóns estivo conformado polo conselleiro executivo de Diario de Pontevedra, Antonio de Cora, o director do xornal, Miguel Ángel Rodríguez, o director adxunto Pedro Pérez, a directora territorial de Abanca, María del Carmen Fernández, o arquitecto César Portela e o vicerreitor do campus en funcións, Juan Manuel Corbacho.