A Valedoría do Pobo, coa colaboración das universidades de Vigo, Santiago de Compostela e A Coruña, ten convocada a primeira edición dos Premios Valedora do Pobo aos mellores traballos de fin de grao (TFG) e traballos de fin de mestrado (TFM) en materia de igualdade e dereitos das mulleres. A iniciativa pretende visibilizar o traballo das universidades galegas neste eido, fomentar no alumnado a necesidade de avanzar en igualdade e contribuír a pór en marcha estudos que axuden a un futuro máis igualitario.
Os galardóns, froito dun convenio de colaboración asinado entres as tres universidades galegas e a Valedoría do Pobo, xurdiron para distinguir aqueles traballos merecedores dun especial recoñecemento pola súa orixinalidade, definición do seu obxecto, pertinencia e relevancia, metodoloxía, análise de resultados, aspectos formais e proxección que poidan acadar no ámbito da igualdade de dereitos de mulleres e homes, entre outros aspectos.
Poden presentarse a esta convocatoria traballos fin de grao e mestrado lidos, defendidos e/ou xulgados ante un tribunal de calquera universidade galega durante os cursos académicos 2016-2020. Os TFG e TFM presentados deberán ser orixinais e destacar polo seu “elevado valor científico e académico en materia de igualdade e dereitos das mulleres”. Serán admitidos os traballos que fosen publicados exclusivamente no repositorio institucional da universidade correspondente e de acordo coa normativa que lle sexa de aplicación. Ademais, non poderán ter sido publicados nin premiados en calquera convocatoria ou concurso con anterioridade.
1000 euros e un diploma
As solicitudes presentaranse no rexistro da Valedoría do Pobo ou nos rexistros das universidades galegas ou por calquera dos medios establecidos no artigo 16 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. Xunto ao formulario de solicitude presentarase o traballo fin de grao ou traballo fin de mestrado proposto, en formato papel e en formato electrónico, e unha síntese descritiva do traballo e consideracións que a persoa solicitante estime oportunas, tamén en formato papel e en formato electrónico segundo as características recollidas na convocatoria dos galardóns, non debendo superar a extensión máxima de cinco páxinas. Tamén se incluirá o certificado académico especificando o título do traballo, o seu director ou directora, a cualificación obtida e, de ser o caso, data de lectura e tribunal que o xulgou. O prazo de presentación de candidaturas está aberto ata o 15 de outubro de 2020.
Un xurado, formado pola Valedora do Pobo, os reitores das tres universidades galegas e outros membros da Valedoría do Pobo, outorgarán dous galardóns, un ao mellor traballo fin de grao e outro ao mellor traballo fin de mestrado, dotados cada un deles con 1000 euros e un diploma acreditativo.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.