Os presidentes de Galicia, Asturias e Castela e León participarán nun encontro xunto aos sectores económicos e sociais das tres comunidades para impulsar o Corredor Atlántico Noroeste

Publicado por o día 27/01/2019 na sección de Xunta de Galicia

Os presidentes de Galicia, Asturias e Castela e León participarán nun encontro xunto aos sectores económicos e sociais das tres comunidades para impulsar o Corredor Atlántico Noroeste

Os presidentes de Galicia, Asturias e Castela e León participarán o luns, 28 de xaneiro, en Santiago, nun encontro xunto aos sectores económicos e sociais das tres comunidades para impulsar o Corredor Atlántico Noroeste.

A Cidade da Cultura acollerá esta reunión na que, ademais dos tres gobernos autonómicos, participarán as asociacións de empresarios das tres autonomías, a Plataforma Atlántico Noroeste, a Federación Galega de Municipios e Provincias e representantes sindicais, co obxectivo de escenificar a unidade existente en Galicia, Asturias e Castela e León a favor da inclusión da súa rede ferroviaria e dos seus portos e plataformas loxísticas, no Corredor Atlántico de Mercadorías, como forma de acceder ao financiamento necesario para garantir a súa competitividade.

Os participantes no encontro achegarán os argumentos a favor da inclusión do Noroeste no Corredor Atlántico de Mercadorías e dos investimentos necesarios para fortalecer a rede ferroviaria, como camiño imprescindible para garantir a competitividade loxística e económica das tres comunidades autónomas e para aumentar a súa contribución á dinamización dos mercados europeos.

Non en van, con esta xuntanza darase un paso máis para o fortalecemento da alianza constituída en outubro de 2017, e que quedou plasmada nunha declaración institucional.

Ao respecto, cómpre lembrar que o Goberno de España presidido por Mariano Rajoy atendeu esta solicitude e trasladouna á Comisión Europea, que aceptou que a revisión programada do trazado dos corredores de mercadorías inclúa os itinerarios desde Venta de Baños (Palencia) e León ata Xixón, Vigo e A Coruña, pasando por Ourense e Monforte de Lemos.

Unha vez referendada esa decisión polo Parlamento Europeo e á falta da súa validación definitiva por parte das autoridades comunitarias, Galicia, Asturias e Castela e León centran agora os seus esforzos en promover a programación dos investimentos, así como as actuacións concretas que se consideran necesarias para modernizar a rede de transporte ferroviario de mercadorías e facela máis competitiva.