Os primeiros grafitis estarán visibles en Chapela nos vindeiros días

O Concello pon en marcha a iniciativa da man de artistas locais do municipio e arredores
Publicado por o día 01/04/2019 na sección de Galicia,Redondela

Os primeiros grafitis estarán visibles en Chapela nos vindeiros días

A parroquia de Chapela será a primeira en gozar de novos espazos de arte e beleza urbana grazas á iniciativa que promove o Concello para combater o feísmo de muros e paredes a través de grafitis.

Os traballos iniciáronse o pasado sábado nas inmediacións do Pavillón de Chapela “Manuel González Soto”, e as labores corren a cargo de artistas locais. Son un grupo de mozos e mozas de Redondela e arredores que participan de xeito altruista na elaboración destes murais. Neste caso, a temática do mural é unha paisaxe, que ben podería ser característica de calquera recuncho da vila e de Galicia.

A técnica empregada é con pintura plástica, posto que segundo afirmaron os artistas para este tipo de proxectos é a técnica que mellor se adapta. Valéndose dun rodillo e dunha brocha despregan toda a súa arte nesta contorna, que se prevé que estea rematada na seguinte fin de semana, se o tempo o permite. A gama de cores está igualmente pensada e os artistas optaron por unha gama máis irreal para darlle un estilo máis onírico e fantasiaso a esta paisaxe.

Caterina Pacheco Calvar é unha das mozas que dirixe a actuación e asegura sentirse “ilusionada” pola oportunidade profesional que supón enfrontarse a unha obra de tales características e dimensións. Aínda que é a primeira vez que executa unha obra deste calado, Pacheco é unha experta na materia, posto que leva pintando “desde que ten uso de razón”, como ela mesma sinala. Tras cursar bacharelato artístico e catro anos de deseño, actualmente é estudante de escultura en Santiago de Compostela.

Xunto a ela colaboran outros mozos do ámbito cultural e artístico de Redondela: Samuel Costas Castro, Jose Manuel Míguez Lorenzo e Thomas López Schwarz, aos que o Concello agradece as labores.

O alcalde da vila, Javier Bas, achegouse a coñecer de primeira man os traballos que estiveron facendo os artistas. “Trátase dunha actuación moi importante para o noso municipio. Por un lado, creamos espazos de beleza e arte e, por outra banda, axudamos a que os artistas locais promocionen o seu traballo”, destacou.

O Concello, como informou hai unhas semanas, iniciara as conversas cos grafiteiros locais en outubro de 2018, así como a solicitude de permisos correspondentes para que se fixese efectiva esta proposta.

Comentar noticia

Your email address will not be published.