Os profesionais da Atención Primaria priorizaron a atención de 53.000 pacientes sen cita previa nos centros de saúde de Vigo Abre nunha nova ventá NOVO

A dirección da área sanitaria continúa coa implementación do TRIAP, medida organizativa pioneira para ordenar a demanda de atención non programada, e onte mantivo unha xuntanza con profesionais de 6 centros de saúde que van a incorporalo ao longo deste mes
Publicado por o día 04/06/2019 na sección de Galicia,Sanidad,Vigo

Os profesionais da Atención Primaria priorizaron a atención de 53.000 pacientes sen cita previa nos centros de saúde de Vigo Abre nunha nova ventá NOVO

No que vai de ano, un total de 53.305 pacientes da área de Vigo tense beneficiado do TRIAP, procedemento organizativo pioneiro para ordenar e priorizar a demanda da atención non programada nos centros de saúde.

A área sanitaria de Vigo continúa coa implantación nos centros de saúde dun novo sistema organizativo e asistencial para ordenar a demanda da atención non programada (TRIAP); isto é, as solicitudes de asistencia daqueles pacientes que se achegan sen cita previa ao centro sanitario. Así, onte tivo lugar unha xuntanza con profesionais de seis centros de saúde da área -Teis, Navia, R/Cuba, Sárdoma, Redondela e Chapela – para concretar os detalles deste procedemento.

O TRIAP foi deseñado para a súa implantación en todos os centros de atención primaria, para o cal se ofreceu a formación correspondente. O centro de A Doblada realizou a súa pilotaxe, e neste momento xa está implantado, con diferentes niveis de desenvolvemento, no resto de centros da área excepto estes seis, que o incorporarán ao longo deste mes de xuño.

Trátase dun sistema de Triaxe, similar ao das Urxencias Hospitalarias pero adaptado á Atención Primaria, que permite identificar aquelas situacións clínicas que requiren dunha atención sanitaria que non admite demora -e que debe prestarse ben de xeito inmediato ou ao longo da xornada- fronte a aquelas consultas que poden demorarse e que deben ser programadas a través de citación. Isto é, posibilita, con implicación de todas as categorías profesionais, a ordenación da asistencia segundo a súa prioridade, discriminado aquelas situacións clínicas urxentes fronte as demorables.

Programa eficaz fronte a sobredemanda

No momento actual tense constado que é un dos programas máis eficaces para afrontar a sobredemanda (aqueles pacientes que acoden aos centros de saúde sen estar citados).

A diario hai pacientes que se achegan aos centros sen cita (ao redor dun 4%) en demanda de atención urxente e que, ás veces, son atendidos nas consultas por diante doutros pacientes que esperaban a súa quenda, e que, nalgúns casos, non está xustificada esa atención inmediata. Este proxecto, permite garantir a equidade na priorización da asistencia e mellorar a organización interna dos centros. Así, permite ao médico ordenar o seu labor e adaptar a súa actividade diaria ás necesidades dos pacientes.

Tres niveis de atención

Esta triaxe consiste na clasificación dos pacientes non programados cun código de cores, que permite identificalos segundo a gravidade clínica que presenten e en función disto, establécese o tempo no que deben ser atendidos.

Así, nunha primeira avaliación, o persoal da área administrativa seguirá o protocolo establecido para identificar se a solicitude do paciente ten que ser atendida de xeito inmediato, ou se debe pasar a consulta de triaxe do persoal de enfermaría, ou pode ser programada nas súas diferentes modalidades, presencial ou telefónica, ofrecendo sempre a primeira cita dispoñible.

Ante un problema de saúde que require atención inmediata, establécese o Código Vermello. O persoal acompaña ao paciente ata a sala de Urxencias, para ser atendido por persoal de enfermaría e médico á maior brevidade, aos que se avisará telefonicamente dende a área administrativa.

Nos casos nos que non se precisa atención inmediata, cítase nas axendas dos profesionais sanitarios e pasan a ser triados polo persoal de enfermaría, que recolle na súa historia clínica o motivo, signos e síntomas que presenta, asignándolle un novo código.

Este código pode ser “Laranxa”, que son os casos cunha situación clínica nos que debe ser atendido polo médico no primeiro momento posible ou “Verde”, que indica que a situación non é urxente e o paciente debe esperar ata que o facultativo dispoña dun oco na súa axenda.

En definitiva, este sistema é unha achega máis para mellorar a calidade da atención primaria ao ofertar un sistema organizativo máis equitativo e seguro, no que prima a priorización dos usuarios en función da súa patoloxía e adquirindo con eles un compromiso de tempos de atención.

Comentar noticia

Your email address will not be published.