Os Reis Magos desfilarán por Nigrán, A Ramallosa e Panxón para rematar no Pavillón Municipal

Publicado por o día 03/01/2019 na sección de Galicia,Nigrán

Os Reis Magos desfilarán por Nigrán, A Ramallosa e Panxón para rematar no Pavillón Municipal

Os Reis Magos de Oriente serán recibidos o sábado no Pavillón Municipal de Panxón ás 19:00 horas despois de desfilar por Nigrán, A Ramallosa e Panxón. As súas maxestades sairán do Concello de Nigrán ás 16:30 percorrendo as rúa Rosalía de Castro e Manuel Lemos chegando á Ramallosa ás 17:00 horas para percorrer as rúas Romana Alta, Damas Apostólicas, Romana Baixa, Camiño da Cabreira e Manuel Lemos e concluír no Centro da Terceira Idade na Alameda de San Campio.

Posteriormente, desfilarán ás 18:00 horas dende as pistas de tenis de Panxón para chegar ao Pavillón Municipal sobre as 19:00 horas, onde se realizará a recepción real que outorga aos nenos a oportunidade de falar directamente con Melchor, Gaspar e Baltasar para transmitirlles os seus desexos.

No seu desfile polas rúas do municipio, as Súas Maxestades serán acompañadas nos diferentes tramos polo Grupo de Animar-T e pola Rondalla de Parada, que chegará coa comitiva Real ás 18:00 horas ao Campo de Redes de Panxón onde se unirán 120 nenos e nenas do Club Baloncesto Nigrán e do Fútbol Sala Panxón–Nigrán, que desfilarán ata o Pavillón acompañando aos Reis e serán recibidos por unha tirada de fogos de luces. As portas do pavillón serán abertas ás 18:30 horas para aqueles que asistan á Recepción Real e todo o evento estará dirixido por Volvoreta e Voltereta.