Plan de impulso e consolidación das competencias dixitais como apoio á docencia presencial no SUG curso 2020-2021. Este é o título do documento consensuado polos reitores das universidades de Vigo, Santiago de Compostela e A Coruña “no cal se recolle a nosa visión sobre como deberiamos apoiar o desenvolvemento da docencia no SUG e que esperamos sirva de punto de partida para aproveitar as experiencias deste curso 2019-2020 e conseguir chegar a incorporar novas capacidades que redundarán no beneficio do SUG e do seu alumnado”, asegura Manuel Reigosa, reitor da UVigo. Este documento, que os reitores trasladarán ás súas respectivas comunidades universitarias coa finalidade de incorporar achegas dos seus integrantes, foi elaborado como alternativa ao Programa de transformación a docencia innovadora do SUG que a Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional propuxo o pasado 18 de maio negociar coas universidades e que hoxe, ante o forte rexeitamento manifestado polos propios reitores, docentes e sindicatos, o departamento que dirixe Carmen Pomar decidiu retirar.
A Consellería asegura que a retirada do seu programa de impulso á implantación da docencia mixta responde “á utilización da iniciativa para a confrontación que están a facer determinados colectivos”, ao tempo que lamenta que o alumnado das universidades públicas galegas “perda esta oportunidade de dispoñer de máis graos semipresenciais con docencia innovadora xa o vindeiro curso”. Pola súa banda, o reitor da Universidade de Vigo sinala que xa ao día seguinte de que a Consellería lles trasladase a sua proposta, as universidades amosaron a súa desconformidade con varios aspectos da proposta “tras atopar múltiples eivas no documento”, ao tempo que explica que o plan alternativo que acordaron as tres reitorías, tras manifestar a Xunta a súa intención de retirar a súa proposta, e que se ía comezar a negociar hoxe nunha xuntanza, non se puido abordar ao desconvocar a Consellería a reunión.
O programa proposto pola Xunta, que contemplaba unha fase piloto o vindeiro curso e a xeneralización da docencia mixta (combinación de presencial con educación en liña) xa no curso 2021-22, foi duramente rexeitado nos últimos días por docentes, sindicatos e grupos de oposición nas tres universidades, coincidindo todos á hora de cualificalo como unha agresión para a universidade pública ou un desprezo ao traballo das xunta de centro, polo que solicitaron unanimemente a súa retirada.
Desconformidade cun documento con múltiples eivas e elaboración dun plan alternativo
Tras o anuncio este mediodía da Consellería de que retiraba o seu programa, Reigosa explica que o pasado 18 de maio a Consellería comunicoulles aos tres reitoes de xeito verbal, nunha xuntanza virtual, a súa intención de achegarlles un plan con financiamento para, por unha banda, favorecer a implantación das máximas garantías sanitarias nos centros docentes,”esta idea foi considerada como moi positiva”, e, por outra, para apoiar a implantación de medida para favorecer a docencia semipresencial. “Con distintas matizacións aceptamos este obxectivo” sinalan o reitor, que non obstante, explica, que ao día seguinte, nunha xuntanza á que asistiron os vicerreitores con competencias en organización docente, que a última hora do día anterior recibiran a proposta da Xunta, estes amosaron a súa desconformidade con varios aspectos da proposta “tras atopar múltiples eivas no documento”.
Nunha reunión posterior, a Consellería comunicoulles aos reitores a súa intención de retirar o plan “ante a mala recepción por parte dos equipos reitorais e as críticas recibidas desde distintos colectivos”, e os reitores, pola súa banda, propuxeron redactar un plan alternativo, que atendese aos principios de autonomía “e visualizase o papel importantísimo que a presencialidade xoga nas universidades galegas”. Este documento, que os reitores remataron de consensuar e enviaron á Consellería para a súa negociación, inicialmente prevista nunha xuntanza a celebrar hoxe, non se tratou, ao desconvocar a Consellería a reunión.
Reigosa explica que, independentemente de se a Consellería decide máis adiante sumarse a súa planificación, debatendo, acordando e apoiando economicamente a súa proposta, as reitorías xa teñen acordado un documento titulado Plan de impulso e consolidación da competencias dixitais como apoio á docencia presencial no SUG curso 2020-2021, “no cal se recolle a nosa visión sobre como deberiamos apoiar o desenvolvemento da docencia no SUG e e esperamos que sirva de punto de partida para aproveitar as experiencias deste curso 2019-2020 e conseguir chegar a incorporar novas capacidades que redundarán no beneficio do SUG e do seu alumnado”, explica, ao tempo que avanza que este plan será trasladado ás tres comunidades universitarias, que poderán realizar as súas achegas ao mesmo.
Manuel Reigosa avanza tamén que cara ao vindeiro curso a Reitoría traballa desde hai tempo nos distintos escenarios docentes e no vindeiro Consello de Goberno, previsto para o 2 de xuño, abordaranse unha serie de medidas extraordinarias e urxentes para dispor dunha planificación acaída. “No curso desta pandemia temos traballado arreo, tanto o equipo de Goberno coma a totalidade da comunidade universitaria (persoal docente e investigador, alumnado e persoal de administración e servizos) para que o curso 19-20 rematase con éxito e o noso alumnado puidera obter as competencias precisas para poderen ser avaliados con éxito”, explica Reigosa, que sinala que a posta en marcha de plataformas que permitiron saír adiante coa docencia e coa avaliación, fíxose en tempo récord e con éxito. “Pensamos que, nun escenario aínda incerto pero con certa previsiblilidade de espazos docentes semipresenciais e incluso non presenciais durante o vindeiro curso, temos a obriga de estaren preparados para atender ás tarefas docentes do mellor xeito posible”, conclúe o reitor da UVigo.
Docentes, grupos de oposición e sindicatos contrarios á proposta da Xunta
Preto de 700 docentes das tres universidades galegas, máis de 400 da UVigo, 220 da USC e 15 da UDC asinaron en só 23 horas, unha carta na que solicitaban a retirada do programa, que consideraban as e os docentes “pretendía instaurar Xunta de Galicia de maneira sorpresiva e exprés sen contar coas xuntas de centro das universidades galegas”. No caso da institución académica viguesa, os docentes e investigadores Armando Caballero e Eduardo Liz, confirman que a carta foi asinada por profesorado de practicamente todas as facultades dos tres campus.
Pola súa banda, o colectivo Ideas que suman cualificou de “inaceptable” o programa proposto pola Consellería e denunciou a gravidade dos contidos do documento, que hoxe foi retirado. Ideas que suman solicitara ao reitor, Manuel Reigosa, a celebración dun Consello de goberno extraordinario para tomar posición sobre o tema, ao tempo que manifestaron a súa defensa da universidade pública de calidade “fronte á agresión que unha iniciativa como a impulsada pola Xunta de Galicia, representa para a nosa institución”.
No caso dos sindicatos, CIG- Ensino acusou á Xunta de aproveitar a pandemia “para liquidar as universidades públicas galegas”. CIG considera que a Xunta buscaba restar espazo ás universidades públicas, desfigurándoas e facendo que perdan as súa esencia como espazos de produción e intercambio de coñecemento, ideas e vivencias e como referentes da investigación e a innovación. Pola súa banda CC.OO. Universidade de Vigo criticou a falta de seriedade do documento, que consideran “rescata tópicos pedagóxicos rompedores como mínimo cuestionables: o vello concepto de ECTS, obsesión pola teoría e os exames ou o paradigma de Boloña”, ademais de utilizar a escusa da COVID-19 para propor un modelo de só titulacións piloto no vindeiro curso e xeneralizada para o resto dos seguintes. E as seccións sindicais UGT da UDC, USC e UVigo sinalan que “a Xunta de Galicia, coa aquiescencia dos grupos políticos, que xa forman parte da nova universidade virtual galega, trazaron o peor documento posible co fin de xustificar, se cabe aínda máis, a presenza desta universidad online”, sinala o sindicato.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.