Os retos da industria xaponesa de videoxogos pasan por internacionalizar as súas localizacións

Está a traballar nunha tese sobre a tradución do humor nesta disciplina
Publicado por o día 06/05/2019 na sección de Galicia,Universidade de Vigo,Vigo

Os retos da industria xaponesa de videoxogos pasan por internacionalizar as súas localizacións

A localización de videoxogos é un elemento fundamental e determinante para o éxito ou fracaso do produto. Non se trata dunha mera tradución do contido, senón de adaptar o xogo ao idioma e ás referencias culturais doutros mercados, respectando o sentido orixinal pero axustándoo ás claves de cada propias de cada país. Isto permite que un videoxogo creado en China se converta nun éxito, por exemplo, en Dinamarca e para iso o labor do tradutor é básico. Sobre este traballo versou o relatorio que Ana María Benita Martínez, graduada en Tradución e Interpretación pola Universitat d’Alacant, ofreceu este luns no campus de Vigo. Traballa dende 2014 como tester, tradutora e xestora de proxectos independente e ten colaborado na localización de máis de 200 títulos, entre eles, a saga Final Fantasy ou Fallout 4, que obtivo o premio á mellor tradución de videoxogos 2015 por DoblajeVideojuegos.

Dende 2017 Ana María Benita Martínez reside en Xapón, onde está a traballar na súa tese de doutoramento sobre a tradución do humor nos videoxogos dentro do Programa de Doutoramento Internacional en Tradución & Paratradución (T&P) da Universidade de Vigo. No relatorio deste luns, organizado polo Título Propio de Especialista en Tradución para a Industria do Videoxogo, o Máster en Tradución para a Comunicación Internacional e o Doutoramento en Tradución & Paratradución, centrouse en analizar os retos presentes e oportunidades futuras da tradución de videoxogos no país nipón. A experta explicou que durante máis de dúas décadas, Xapón estivo no centro das miradas do mundo enteiro grazas á súa innovadora industria do videoxogo e referiuse a nomes tan coñecidos como “Nintendo, Sony ou Sega, claves para darlle forma aos cimentos do sector tal e como é hoxe en día”. De feito, na actualidade Xapón segue a ser un referente mundial en canto a innovación, sendo a terceira maior industria do videoxogo do mundo, por detrás de China e Estados Unidos. Non obstante, o principal reto que este sector ten por diante é a localización. “O marcado carácter local das súas producións e a falta de profesionais en localización dificultan que os videoxogos creados no país do sol nacente viaxen máis aló das súas propias fronteiras”, explicaba. Neste sentido, a futura doutora pola Universidade de Vigo destacaba a necesidade de formar especialistas na tradución de videoxogos e a urxencia de que a industria nipoa conte con eles para internacionalizar os seus produtos.

Comentar noticia

Your email address will not be published.