Os retos dos sectores clave no ecosistema industrial na era dixital centrarán a 3ª edición do MEI Day

Na sesión virtual do próximo día 10 participarán profesionais deste sector
Publicado por o día 07/12/2020 na sección de Galicia,Universidade de Vigo,Vigo

Os retos dos sectores clave no ecosistema industrial na era dixital centrarán a 3ª edición do MEI Day

Nado hai tres anos co obxectivo de crear un foro no que egresados e alumnado de Enxeñaría Industrial puidese intercambiar experiencias, un grupo de estudantes da 3ª promoción do Mestrado en Enxeñaría Industrial puxo en marcha unha xornada formativa e social, que tamén servise para poñer en valor a profesión. Nacían así os encontros MEI Day, Día do Mestrado en Enxeñaría Industrial, que este ano acadan a súa terceira edición cun formato adaptado aos tempos de pandemia, aproveitando os medios tecnolóxicos dos que dispón a UVigo e contando coa participación de profesionais de diferentes sectores.

Descartada unha celebración presencial da xornada, a organización optou por levar a cabo o vindeiro 10 de decembro unha sesión virtual baixo o título Retos e oportunidades dos sectores clave do noso ecosistema industrial na era dixital. Dirixida tanto ás novas e novos profesionais titulados do mestrado, como ao actual alumnado e mesmo ao estudantado interesado en cursar o título para o exercicio da profesión da enxeñaría industrial, o MEI Day contará nesta terceira edición coa participación e profesionais do ámbito industrial que están a experimentar a realidade dos cambios que se producen en sectores como a automoción, enerxía naval, servizos, etc. Este é o caso de Francisco Silva, delegado en Galicia de Iberdrola; Luis Manuel Lozano, delegado de Compras do polo ibérico Vigo-Madrid- Mengualde de PSA Groupe; Santiago Martín, director de Astilleros Armón e María Luisa Varela, Smart Analytics Center Project Manager en E-voluciona, Estrategias de Transformación (Grupo Unísono), que compartirán as súas experiencias co alumnado na sesión virtual, que comezará ás 19.00 horas. “Nesta edición vólvese ampliar o alcance da xornada contando con profesionais de diferentes sectores, o que sen dúbida será moi enriquecedor para todas as persoas participantes e permitiralles ter unha visión máis ampla da realidade en contexto industrial”, explican desde a organización da xornada.

Emprendemento e perfís profesionais para a innovación nas primeiras edicións

Atrás quedan as dúas primeiras edicións do MEI Day , que no seu primeiro ano de celebración contou con egresados e egresadas que actualmente dirixen ou forman parte de empresas industriais altamente competitivas nos seus respectivos sectores, como Beta Implants ou Lupeon, creadas por alumnado formado na EEI. Xa na segunda edición a xornada discorreu arredor das características do perfil profesional para a innovación, contando coa participación do director de estratexia e desenvolvemento de negocio de Boeing Research&Tecnology- Europe, Eduardo Carrillo de Albornoz-Braojos.

Comentar noticia

Your email address will not be published.