Os secretarios xerais de CCOO e do PSdeG coinciden na necesidade dunha «fronte social» contra as políticas do PP

Ramón Sarmiento lamentou o dano que as políticas neoliberais inflixen á mocidade, ao fomentar modelos de emprego que non permiten a emancipación
Por o 25/01/2018 | Sección: CC.OO,Política,PSOE,Sindicatos
Os secretarios xerais de CCOO e do PSdeG coinciden na necesidade dunha «fronte social» contra as políticas do PP
Compartir en:

O secretario xeral de Comisións Obreiras, Ramón Sarmiento, acudiu hoxe á sede nacional do PSdeG-PSOE para reunirse co secretario xeral do partido político, Gonzalo Caballero. Os dous dirixentes trataron diferentes cuestións de actualidade e compartiron impresións sobre a situación laboral, económica e social do país. En declaracións posteriores aos medios de comunicación, Sarmiento e Caballero coincidiron na necesidade de que en Galicia se articule unha «fronte social» contra as políticas do PP, marcadas por un «nesgo neoliberal» e profundamente «antisocial».

Caballero incidiu en que esta fronte debe combater as políticas «fracasadas» que o PP leva desenvolvendo os últimos anos á fronte da Xunta. O dirixente político apuntou que se a recuperación económica non se traslada á maioría social, «será inxusta e imperfecta».

En termos similares se pronunciou o secretario xeral de CCOO. Ramón Sarmiento reprochoulle á Xunta de Galicia a súa incapacidade para vincular o crecemento económico co progreso. «Este Goberno é incapaz, por vez primeira na historia, de conseguir que catro anos de crecemento económico se traduzan nunha mellora da calidade de vida das galegas e dos galegos», insistiu.

Precaria situación da mocidade

O secretario xeral de CCOO puxo como exemplo desta perda de calidade de vida a situación da mocidade, e lembrou que máis do 70 % dos menores de 35 anos viven cos seus proxenitores. «Iso obedece a unha necesidade, non a un desexo, condicionada polo tipo de emprego dispoñible», que non permite a emancipación. E apuntou tamén que «en ningunha economía desenvolvida» se observa unha taxa semellante.

Ramón Sarmiento asegurou que boa parte deste problema, coma doutros, radica no «nesgo neoliberal» das políticas do PP, comezando pola última reforma laboral, que alimenta a precaridade. Lembrou que no último ano se asinaron en Galicia preto dun millón de contratos, e a cuarta parte deles cunha duración inferior á semana. «A precariedade no traballo, a perda de peso da actividade industrial ou o colapso das urxencias non son unha praga bíblica, senón a consecuencia dunha política claramente neoliberal».

O emprego non é unha prioridade para a Xunta

En opinión do sindicalista, esta tendencia «non a vai corrixir o mercado». Así mesmo, criticou que no organigrama e preocupacións da Xunta desaparecese todo o relativo ao emprego, pois a antiga Consellaría de Traballo pasou a un «segundo perfil», diluída dentro dunha macroconsellaría que abrangue as áreas de industria, economía e emprego.

Mobilización contra as políticas actuais

Para Ramón Sarmiento, o «diagnóstico compartido» sobre a situación de Galicia ten que derivar en «propostas para dar solucións aos problemas da nosa sociedade», para articular unha alternativa desde a esquerda ás políticas da Xunta, incluíndo procesos «intensos» de mobilización.