Os sectores produtivos e o tecido industrial agonizan mentres Feixoo reza ao Apóstolo por un Xacobeo exitoso

Destrúese emprego en Industria e Construción e só hai contratación temporal en Servizos
Publicado por o día 07/01/2020 na sección de CIG,Emprego,Sindicatos

Os sectores produtivos e o tecido industrial agonizan mentres Feixoo reza ao Apóstolo por un Xacobeo exitoso

O mes de decembro rematou en Galiza con 165.308 persoas desempregadas, 351 menos que no mes anterior. O ínfimo descenso, dun 0,21%, correspóndese exclusivamente ao sector Servizos, derivado das contratacións de Nadal. Porén destrúese emprego en Industria e Construción, o que evidencia o estrepitoso fracaso do goberno Feixoo, que abandonou á súa sorte os sectores produtivos limitando toda a súa acción de goberno a preparar a celebración do Xacobeo.

Así o considera o secretario confederal de Emprego, Fran Cartelle, quen chama a atención sobre o feito de que mentres hai 1.545 persoas desempregadas menos en Servizos, rexistráronse nas oficinas do Servizo Galego de Colocación 594 persoas desempregadas máis do sector industrial, 1.014 de Construción e 231 do agro.

O máis grave é que para conseguir ese insignificante descenso do paro rexistrado asináronse un total de 77.798 contratos, 1.576 máis que no mes anterior, dos que só 5.676 foron indefinidos e 72.122 foron temporais, o 92,7%.

Isto coincide ademais cunha caída dun 0,33% da afiliación á Seguridade Social xa que en decembro se perderon 3.331 persoas afiliadas.

E se todos estes datos non foran preocupantes abondo, cómpre chamar a atención sobre o feito de que do total de persoas desempregadas só 42.595 cobran unha prestación contributiva, mentres que 42.288 perciben unicamente un subsidio e 6.850 dependen xa da Renda Activa de Inserción.

Galiza camiña cara a desertización industrial

Diante disto, Cartelle alerta de que a situación aínda pode empeorar máis á vista de que “toda a acción de goberno da Xunta de Galiza e as súas políticas de emprego enfíanse a que a celebración do Xacobeo sexa exitosa”.

Un modelo económico que “Feixoo basea no sector Servizos” onde, advirte, o único emprego que se crea é temporal e precario vinculado a rebaixas, festas ou a que haxa bo tempo no verán, algo que non sempre ocorre en Galiza.

Fronte a isto o secretario confederal de Emprego reclama unha verdadeira política de defensa dos sectores produtivos e do tecido industrial galego para evitar que Galiza siga camiñando cara a se converter nun deserto industrial.

Denuncia a absoluta incompetencia de Feixoo diante da catastrófica situación na que nos atopamos, cunha lista cada vez máis longa de ERES, ERTES e empresas que están en risco de peche, teñen anunciado que van pechar ou directamente xa pecharon, como Alcoa, Endesa ou Meirama, entre outras.

Por iso conclúe que “un goberno galego, digno de tal nome, debería facer fronte aos problemas laborais e económicos do País, na vez de encomendarse ao Apóstolo”, e non exercer o “nefasto papel que decidiu adoptar, cunha nula política industrial que se limitou á aprobación dunha Lei de Depredación que non ten utilidade algunha, máis alá de favorecer o espolio, no canto de articular as medidas necesarias para promover o noso tecido produtivo e industrial”.

Do mesmo xeito advirte do “insuficiente acordo de goberno” acadado en Madrid, porque “tal e como está deseñado, e sen unha maioría parlamentaria garantida que o sustente, esas medidas son máis propagandísticas que reais”.

O secretario confederal de emprego lembra que a grave situación de precariedade e desemprego actual é froito dunhas reformas (laboral, negociación colectiva) que deterioraron e empobreceron as condicións de vida das traballadoras e traballadores. Por iso advirte que a CIG seguirá reclamando nas rúas a súa derrogación e non só “a maquillaxe” prevista.

Comentar noticia

Your email address will not be published.